Espazos para conciliar no verán

As ludotecas de Poio ofrecen más de mil prazas entre xullo e setembro

Participantes na ludoteca. |  FdV

Participantes na ludoteca. | FdV

Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polas concelleiras Natividad Torres e Natalia Sabarís, visitou onte o CEIP Isidora Riestra, un dos tres Espazos Concilia que están a funcionar este verán, xunto aos colexios de Espedregada (Raxó) e Viñas (San Salvador). Estes espazos, que ofrecen máis de 1.000 prazas entre os meses de xullo e setembro, representan unha das principais apostas do Concello para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. O rexedor puxo en valor que se trata «dun servizo pensado para o benestar das familias».

O programa concilia conta cun horario amplo e flexible durante todo o verán, entre as 7.30 e as 15.00 horas, o que permite unha compatibilidade real cos horarios laborais das nais e pais. Ademais de facilitar a organización familiar, ofrece tamén aos nenos e nenas horas de diversión, lecer e aprendizaxe en compañía doutros cativos. Onte, por exemplo, disfrutaron de xogos de auga e actividades e dinámicas ao aire libre.

O alcalde amosouse satisfeito co desenvolvemento das primeiras xornadas deste servizo estival: «Estamos moi contentos co funcionamento dos tres espazos, e agradecemos de maneira especial o traballo das concelleiras Natividad Torres e Natalia Sabarís, que están pendentes cada día de que todo transcorra con normalidade».

Desde o Concello tamén se quixo recoñecer a colaboración da Xunta de Galicia, que, a través do Plan Corresponsables, permite reducir de forma significativa o custo do servizo para as familias, establecendo un prezo de 17 euros por quincena. «Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar resulta máis accesible, tanto polo horario como polo custe do servizo. E iso foi posible grazas á colaboración da Xunta e a súa decisión de asumir a parte do financiamento que o Goberno central recortou a través do Ministerio de Igualdade a última hora, sen explicacións, e cando as subvencións xa estaban resoltas», sinalou o alcalde.

Tracking Pixel Contents