«A poesía para min sempre foi unha descarga emocional, non fago poesía conceptual»
«Os camiños da memoria» é a primeira obra do escritor pontevedrés Enrique Piñeiro e recolle vinte poemas sobre vivencias persoais
O autor estará hoxe e mañá asinando exemplares na Festa dos Libros de Pontevedra

Enrique Piñeiro xunto coa súa dona e o seu fillo na presentación do libro no IES Valle-Inclán. / GUSTAVO SANTOS
Un dos autores que estarán na Festa dos Libros de Pontevedra é o pontevedrés Enrique Piñeiro, que asinará exemplares da súa obra de poesía «Os camiños da memoria» (Medulia Editorial) hoxe venres (Espazo Nobel Lector, 11 horas) e mañá sábado (El pueblo, 12 horas). Trátase dunha compilación duns vinte poemas escritos nas últimas catro décadas nos que o escritor se expresa sobre as súas vivencias persoais, co mar da súa infancia moi presente.
«Os camiños da memoria» é a súa estrea como escritor de poesía. Por que se anima agora a publicar?
Sempre me deu moito pudor, porque eu sempre escribín en clave moi persoal: memorias, recordos... Pero unha serie de circunstancias fixeron que me decidira a intentar esta publicación. Moitos amigos me animaron a facelo.
Canto tempo lle levou escribir esta obra?
Realmente este libro estaba escrito. É unha selección de poemas que abranguen 40 anos. O primeiro é de 1985 e o derradeiro de xuño de 2022, pouco despois de morrer miña nai. Precisamente, o poema que encabeza o libro é «Xénese» e vai adicado a meus pais.
Non era a mesma persoa nese 1985 que na actualidade. Sentíu a necesidade de modificar aquelas primeiras creacións?
Moitos foron reescritos, de feito, algúns teñen pouco que ver cos poemas iniciais. Hay poemas do ano 1987, 1988, 1994 e 2006... e despois un intervalo longuísimo no que non escribín nada. Retomei na pandemia. Algúns deles foron reescritos en circunstancias difíciles, porque a miña muller estaba a pasar por un cancro, cun tratamento de quimioterapia moi duro. Ela distraíase facendo un mantel de punto de cruz e eu dediqueime a facer esta selección de poemas.
Dedicou a súa vida á docencia, de que xeito lle influíu na escrita?
Si, fun profesor de francés. Rematei no IES Valle-Inclan. Isto nótase no libro, porque hai moitas frases e versos en francés. Tamén hai no libro un poema sobre uns anos da miña vida en París.
É un libro de vivencias...
É un libro basicamente de recordos, son os camiños que eu fixen e os que a memoria reconstrúe. Hai poemas adicados a meus pais, á miña infancia, aos vellos amigos de COU 1973, que nos vemos todos os anos... É un libro nostálxico, no que aparecen o amor, o desamor, a familia, os amigos... A poesía para min sempre foi unha descarga emocional; non fago poesía conceptual, senón moi persoal.
En xeral, é difícil para os novos escritores publicar. Como o logrou con Medulia?
Mandei o libro a varias editoriais e Medulia contestoume que lle gustara moito. Teño que darlle as grazas tamén a Xulio Valcárcel.
Presentou «Os camiños da memoria» no IES Valle-Inclán. Como foi o acto?
Foi moi emotivo porque incluimos na presentación cancións do meu fillo, Daniel, que tamén estivo no acto, ademáis da miña muller. Estivemos moi contentos de estar alí os tres.
Esta vai ser a primeira das súas obras?
Primeiro imos darlle un pouco de tempo a esta. Realmente xa teño material para un novo libro, podería publicar xa agora. Xa estou reescribindo algúns.
Foi difícil facer esa primeira selección?
Si que o foi, de feito ao mellor agora incluiría algún máis. Pero, bueno, hai unha unidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Rescatado el cuerpo de un hombre del interior de un pozo en Poio
- «Jomafer», otro estandarte del comercio tradicional que echa el cierre en Pontevedra
- Muere un vecino de Combarro tras caer a un pozo en Poio cuando desbrozaba una parcela
- El rey del merengue en Sanxenxo
- Remolcada hasta Praceres una embarcación de recreo en apuros en la ría de Pontevedra
- El origen y la evolución de la humanidad, a ojos de la IA
- La feria taurina de Pontevedra sumará una tercera corrida y recibirá a los victorinos en el 125 aniversario de la plaza
- Los principales toreros del escalafón, en el 125 aniversario de la plaza de toros de Pontevedra