A Boa Vila, espazo para a literatura e a creación en galego

Nace o proxecto Pontevedra (d)escrita, no que é posible consultar autorías, obras, itinerarios e lugares da cidade vinculados á escrita

Óscar Senra e Demetrio Gómez, la presentación do proxecto. |  FdV

Óscar Senra e Demetrio Gómez, la presentación do proxecto. | FdV

REDACCIÓN

Pontevedra

Poñer en valor a vinculación da Boa Vila coa literatura e a creación en lingua galega. É o obxectivo do proxecto Pontevedra (d)escrita, que conta co web pontevedradescrita.gal como principal ferramenta de consulta e edición.

Nesa plataforma elaborada por Maos Innovación Social é posible consultar neste momento 73 autorías, 55 obras, 19 espazos vinculados ao mundo literario e 26 itinerarios relacionados coa literatura.

Un mapa literario impreso e o roteiro «Pontevedra Poética» tamén iguran na iniciativa. Estas visitas guiadas celebraranse en varias dendas o vindeiro 21 de xuño e o 4 de xullo, con inscripción previa, xa aberta, en apuntate.pontevedra.gal.

O concelleiro de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou conte acompañado de Óscar Senra de Maos Innovación Social, o proxecto e sinalou que se trata de «unha nova ollada sobre Pontevedra que reúne a visión de moitísimas autoras e autores que escolleron Pontevedra como inspiración o lugar onde crear. Pontevedra (d)escrita acontece nas redes, na realidade física das rúas da cidade e tamén no emocional, na nosa imaxinación e nos sentimentos que consegue espertar en nós a literatura».

Pretende ser, engadiu, «un proxecto que recolla toda a creación literaria que versa sobre Pontevedra ou que se fixo na nosa cidade. Temos unha páxina web onde atopamos un mapa con percorridos, paseos en liña, biografías, obras, espazos de creación. É un proxecto incompleto porque a literatura está viva e iso é o que pretendemos e reflectir. Queremos que aparezan as visións que noutros tempos houbo de Pontevedra e queremos que estean tamén as actuais e as que están por chegar. Atopamos a Paz Andrade ou Tamara Andrés. Son un conxunto de accións, incluído un plano impreso que serve para nos acompañar polas rúas da cidade sen ter que andar co móbil».

«Queremos convidar», concluiu, «a descubrir a cidade desde a perspectiva das autoras, autores e as súas obras e a descubrir as obras» a partir da Boa Vila.

Óscar Senra, un dos creadores e deseñador do proxecto, completou a información facilitada polo concelleiro achegando algunhas cifras: «No mapa impreso temos só 35 elementos para facelo manexable, que fan paseable a cidade desde o punto de vista literario».

Pola súa bana, a versión web dese mapa permite consultar obras que van dende «A gaita gallega a obras máis recentes como A muller xabaril de Fina Casalderrey – incluíndo narrativa, poesía, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada. Atoparemos tamén 19 espazos vinculados ao mundo literario e 26 itinerarios que se fixeron sobre a cidade, relacionados coa literatura. Son as de hoxe pero isto vai ir medrando porque a literatura por sorte, nunca para. Atopamos novos libros ou descubrimos libros antigos descoñecidos».

Senra convidou asemade aos lectores a participar e achegar a través do correo info@pontevedradescrita.gal obras que consideran que deben estar na web.

Tracking Pixel Contents