O Concello repartirá 800 libros en galego en centros sociais e de ensino

A iniciativa, man a man cos comercios locais, forma parte do Mes da Lingua

O edil Demetrio Gómez, coas libreiras. |  FdV

O edil Demetrio Gómez, coas libreiras. | FdV

REDACCIÓN

Pontevedra

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou onte, acompañado de Cynthia Menéndez da Libraría Paz, Adriana Otero de Cronopios e Susana Álvarez de Nobel, o investimento en literatura galega que, un ano máis, o Concello de Pontevedra levou a cabo directamente coas 17 librarías da cidade.

«É un dos proxectos que máis ilusión nos fai na concellaría por moitos motivos. En primeiro lugar porque para nós é moi importante o investimento que facemos na compra de libros do mes de maio, con case 11.500 euros que é unha cantidade moi elevada. Facémolo de maneira equitativa entre as 17 librarías de Pontevedra, que participan neste proxecto e que tamén nos botan unha man na selección», explicou Gómez.

En total son preto de 800 volumes de 13 títulos diferentes os mercados nos 16 establecementos dedicados á venda de libros da cidade: Aviones de papel, Libraría Baroja, Clip, Cronopios, D-Lectum, Depapeis, Escolma, Espazo Lector Nobel, Metáfora, El Naranjo, A Nube de papel, Paz, El Pueblo, Sant –Yago, Seijas e Tinteiro. Tamén forma parte da iniciativa Mialma Produciois.

Estes exemplares tiveron e terán como destinatarios 3 centros de educación infantil, 26 de primaria, 20 de secundaria, e 33 asociacións e centros sociais. Algúns libros foron empregados como agasallos no certame ‘Ben veñas, maio’ e outros terán como destino o propio servizo de Normalización Lingüística do Concello.

Pola súa banda, as asistentes agradeceron en nome de todos os establecementos «esta iniciativa que leva a cabo o Concello durante todo o mes de maio, estendendo a celebración do Día das Letras Galegas» e reclamaron «máis traducións en galego, que cheguen ao mesmo tempo que en castelán».

Tracking Pixel Contents