Nenos activos para dar vida á lingua

O Correlingua 2025 volveu bater cifras de récord coa súa cita en Pontevedra, na que participaron 1.600 rapaces dunha vintena de centros educativos de Pontevedra e O Salnés

«Sabemos que o galego é un tesouro que nos legaron aquelas persoas que saíron á rúa coa lingua por bandeira», leron no manifesto

A pancarta principal do Correlingua usou unha coñecida frase de Castelao.

A pancarta principal do Correlingua usou unha coñecida frase de Castelao. / RAFA VAZQUEZ

Pontevedra

Xa o dixo Castelao: «Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma». As súas verbas seguen ben vivas a día de hoxe, cando se cumpren 75 anos do seu pasamento. Este xoves as rúas e prazas da cidade de Pontevedra lembraron esta famosa frase e serviron para que nenos e mozos reivindicaran un legado identitario que traspasa fronteiras a través do Correlingua 2025.

Nesta nova edición da cita coa lingua galega participaron más de 1.600 alumnos dunha vintena de centros educativos das comarcas de Pontevedra e O Salnés. Así, contouse coa presenza de colexios e institutos de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas, Meis, Ribadumia e O Grove.

Os nenos portaron carteis a prol da lingua. |  R.V.

Os nenos portaron carteis a prol da lingua. / Rafa Vázquez

A Alameda da Boa Vila foi o punto de encontro e tamén alí foi onde se leu o manifesto elaborado polos institutos participantes nos obradoiros «Desata a lingua», impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.

No texto insistiuse na idea dunha «mocidade activa por unha lingua viva» e no desexo de que as novas xeracións teñen a forza e a determinación para defender o futuro da lingua: «Porque somos unha mocidade comprometida e nas nosas mans está manter o galego vivo».

Os docentes acompañeron aos nenos. |  R.V.

Os docentes acompañeron aos nenos. / Rafa Vázquez

«Sabemos que o galego é un tesouro que nos legaron aquelas persoas que, antes que nós, saíron á rúa coa lingua por bandeira. Aquelas persoas que conseguiron que o galego chegase aos xornais, ás radios e televisións, á escola e ás administracións. Grazas a esa xente podemos hoxe estudar na nosa lingua e falala en calquera circunstancia», lembraron.

Dixeron ben alto que «a nosa lingua é grande». «Nela créase cultura que nos fai sentir orgullo da nosa lingua e de quen a fala: cine, música e libros que levan recoñecementos máis alá das nosas fronteiras. Porque non hai nada que non poidamos expresar nela».

Os rapaces percorreron Pontevedra. |  R.V.

Os rapaces percorreron Pontevedra. / Rafa Vázquez

«Confiade na xente nova! Habemos levar a lingua con nós e falala con fachenda, porque sabemos que sería absurdo perder a oportunidade que nos brinda o galego de chegar máis alá! Por iso, o galego permanece sementado en nós. Non teñades medos nin reparos en falalo, porque o galego falado é o galego vivo e nós queremos... a mocidade activa por unha lingua viva!», concluiron.

Este manifesto é o resultado dos obradoiros celebrados no 2024 nos que participaron alumnas e alumnos do IES Arcebispo Xelmírez II (Compostela), IES Alfredo Brañas (Carballo), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Fonmiñá (A Pastoriza), IES Val do Asma (Chantada), IES San Rosendo (Mondoñedo), IES Perdouro (Burela), IES 12 de outubro (Ourense), IES San Mamede (Maceda), IES A Guía (Vigo) e CPR Labor (Vigo).

O alcalde Lores fala con varios nenos. |  R.V.

O alcalde Lores fala con varios nenos. / Rafa Vázquez

O alcalde Lores aos nenos: «Falade galego»

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén quixo achegarse a onde os rapaces, aos que se dirixíu dendo o palco da Alameda.

Agradeceu aos participantes os seu esforzo por visibilizar o idioma co Correlingua e animounos a «falar sempre galego en todas as facetas da vida», dende a familia, a escola, os amigos...

Lembroulles que o galego «está en perigo» e loubou a riqueza de léxico que ten e que abrangue lugares comúns, cultura, natureza...

«Grazas por apoiar este idioma dos que vos podedes sentir moi orgullosos e co que podedes andar por todo o mundo», resumiu Lores á rapazada.

Tracking Pixel Contents