Bretaña, Brasil ou Uruguai, protagonistas do Sete Falares

O Teatro Principal acollerá o 8 de xuño a inauguración do evento

REDACCIÓN

Pontevedra

O grupo de contacontos Pavís Pavós e a Concellería de Cultura de Pontevedra presentaron onte unha nova edición de Sete Falares, que terá lugar entre o 8 e o 15 de xuño. «É unha das semanas do ano das que máis gozamos porque escoitar as narracións orais, a sinxeleza que hai na narración dunha persoa, é ben emocionante e unha das cousas máis bonitas que pasan en Pontevedra. Desta volta van vir desde os sete mares 12 contadores e contadoras diferentes para contarnos en Pontevedra as súas historias», comentou o edil, Demetrio Gómez, que lembrou que todos os espectáculos serán de balde «agás a inauguración o día 8 de xuño ás 20.00 horas e a clausura o 15 ás 21.00 horas, que terán lugar no Teatro Principal e contarán con venda anticipada a partir de mañá en Ataquilla».

Engadiu que «os prezos serán de oito euros (catro para persoas estudantes, desempregadas ou maiores de 65) e, de non esgotarse, tamén estarán á venda unha hora antes no despacho de billetes do teatro».

Nos diferentes formatos habituais, nas catro quendas do ‘Vieiro de historias por Pontevedra’ e na gala de clausura, o público poderá gozar con Soledad Felloza, María da Pontragha, Charo Pita, Caxoto e Avelino González, ademais de Bleuenn Le Friec (Bretaña), Iñaki Carretero (Euskadi), Léla Mayer (Brasil), Nelson Calderón (Colombia) e Raquel López (Alacant).

Tracking Pixel Contents