Pontevedra festexa a súa lingua

As cantareiras, representadas por cantoras que exerceron durante anos, grupos e bandas de música tradicional ou cantautoras, protagonizan as distintas actividades do Día das Letras Galegas nos concellos da comarca. Na Boa Vila principiou onte a Festa da Lingua, que hoxe terá á cativada, aos libros e aos afeccionados á música entre los seus principais convidados.

Actuación con cantareiras na Ferrería

Actuación con cantareiras na Ferrería / Rafa Vázquez

Pontevedra

Milleiros de mulleres en cada aldea espallada por Galicia tiveron un papel central na conservación e transmisión dun riquísimo patrimonio que herdaron das súas nais, tías e aboas e que elas mantiveron vivo para a mocidade de hoxe. Recoñecer ás cantareiras é recoñecer ao propio pobo galego, que durante séculos foi quen de manter a súa língua e a súa cultura, como lembrou a Real Academia Galega ao adicar o Día das Letras Galegas 2025 ás cantadoras.

Elas son as grandes protagonistas do extenso programa de actos que desenvolven os concellos da comarca co gallo deste 17 de maio, e que nalgúns xa principiaron onte con actividades musicais, teatrais ou de natureza.

Na Boa Vila comezou a festa da Lingua que impulsa a Asociación A Pedreira en colaboración co Concello, una proposta que pon en valor a lingua cunha programación para todas as idades. Da praza da Peregrina saiu a ruada que anunción a celebración, que continuou coa ofrenda floral no monumento a Castelao organizada por Amigos da Cultura.

Tamén se celebrou o Concerto das Letras a cargo do Conservatorio Manuel Quiroga na Ferraría, dentro da programación «Maio, mes da lingua».

Concerto de onte na Ferrería

Concerto de onte na Ferrería / Rafa Vázquez

Esta primeira xornada rematou cos concertos de Regueifa Tour, Cuarta Xusta e The Teta´s Van na praza da Pedreira.

En Cerdedo-Cotobade os grupos de música tradicional do concello puxeron música á homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén que se celebrou no Centro Cultural de Cerdedo. O alcalde, Jorge Cubela, agasallou con flores ás familias destas mulleres que «durante moitos anos mantiveron viva e acesa a chama das cantigas populares galegas na contorna», suliña o goberno local.

Caldas tamén celebrou onte a súa FeSta da Lingua, organizada da man de Terras do Umia. A Tafona foi escenario dun espectáculo escolar aberto ao púbico no que as Tanxugueiras exerceron de madriñas e no que se xuntaron arredor de 1.000 nenos e mozos de entre 6 e 18 anos cos seus docentes.

Tras destes anticipos, a comarca vivirá hoxe unha intensísima xornada de actividades. Na Boa Vila os primeiros convidados serán os nenos, que poderán disfrutar a partires das 11 horas do espectáculo infantil de Peter Punk «Con lingua propia».

Ao mediodía están programados xogos tradicionais con Miudiño, que darán paso ao pasarrúas de Foula. Tamén durante a mañá están programadas ceibas de libros por diferentes puntos da cidade.

Todas as actividades realizaranse na rúa Serra (non se agardan choivas, pero nese caso celebraríanse no Mercado) e continuarán ás 14 horas cunha sesión vermú con Foula e as Pandereteiras de Quireza.

Media hora máis tarde comezará o xantar popular e ás 17 horas celebrarase unha foliada co alumnado do Centro Social A Pedreira coa que rematará esta festa que busca ser un espazo de convivencia arredor da nosa cultura, xuntando tradición e creatividade.

Tamén Sanxenxo homenaxeará hoxe aos seus grupos de música tradicional. Os Gatiños, Abiñadoira, Soalleira, Lembranzas, Airiños e Os Cruceiros serán os protagonistas do acto central da xornada, que terá lugar a partires das 18 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán, onde actuarán as distintas formación musicais. Intervirá asemade o cantautor Manoele de Felisa cunha canción adicada as cantareiras.

Público asistente ao recital

Público asistente ao recital / Rafa Vázquez

A vila turística acollerá outras actividades coma a entrega de premios do XXII Certame Literario Os Picariños, Premios Mestre Hermida, un acto organizado polo Círculo Cultural e Deportivo que conducirá a escritora novel de Bordóns Tania Poza e que se desenvolverá a partires das 12 horas na Praza do Pazo.

No Monte Acibal, en Moraña, esta tarde realizarase unha plantación simbólica de árbores autóctonas, en colaboración coa Xunta de Montes de Perdecanai, unha acción que quere representar a unión dos participantes e o seu compromiso coa natureza e a comunidade.

A plantación será o limiar do Concerto das Letras Galegas que se celebrará mañá no Curro da Amil e que contará con máis de cen músicos, integrantes da Banda de Música Nova Lira de Moraña e a Banda Xuvenil de Barro.

Poio conmemora as Letras poñendo en valor a figura de Xaime Illa nunha programación organizada polo Concello coa colaboración da SCD Raxé e que se desenvoverá hoxe e mañá.

O Centro Cultural Xaime Illa acollerá a entrega dos premios dos concursos literararios de relato curso e poesía, no que participan 120 traballos procedentes de distintos concellos galegos e de Madrid. De seguido, está programada a conferencia de Xosé Luis Pastoriza Rozas, doutor en Filosofía e experto no legado e na figura de Xaime Illa.

As actividades continuarán mañá, tamén no centro cultural de Raxó, co espectáculo A Maxia das Letras, a cargo do Mago Manuel. Comezará ás 18,30 horas e conta con entrada de balde.

En Vilaboa a Semana das Letras culminará hoxe cunha homenaxe á cantareira Felicia de Fofe, afincada en Paredes durante moitos anos. A Casa de Cultura de Riomaior acollerá o relatorio de Guillerme Ignacio Costas sobre a que foi unha das grandes voces e transmisora oral dos romances e cantigas populares do rural galego.

Ás 19.15 horas comezará, da man de Polo Correo do Vento, a actividade «Cantareiras, a poesía popular das Letras Galegas», no que haberá arte e música, e a tarde do Día das Letras rematará cun concerto das Pandereteiras de Arcade (Tutudén) ás 20 horas.

No caso de Portas, a Azuceira aloxará o Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música Unión de Lantaño. Será a partires das 20 horas nun espectáculo no que tamén participará o cantante Xosé Real, ex solista da orquesta Tálamo e do grupo Crepúsculo.

Tracking Pixel Contents