Sara Pérez, de Vilaboa, premio "Ben Veñas Maio" pola súa curtametraxe sobre a represión

"O mar non esquece" recurre ao entorno das Salinas para remover conciencias

Sara Pérez Outeda

Sara Pérez Outeda / FdV

R. P.

Pontevedra

Sara Pérez Outeda, unha moza de 16 anos e veciña de Paredes, en Vilaboa, acadou o primeiro premio do certame de Normalización Lingüística “Ben Veñas, Maio!” na categoría de curtametraxes organizado polo Concello de Pontevedra para o seu traballo “O mar non esquece”.

Inspirándose nos primeiros anos da posguerra, que so coñece a través das súas asignaturas escolares e tal vez nalgunha charla sobre Memoria Histórica Sara Pérez Outeda conseguiu dar vida a un relato que transcende xeracións.

Cursa 1º de Bacharelato no IES Torrente Ballester e foi a súa profesora de Lingua Galega quen lle deu o primeiro empuxón para que se decidira a crear sementando quizais sen sabelo o xermo dunha paixón que hoxe xa medra con forza no corazón da moza creadora. A súa obra, de cinco minutos de duración, destila autenticidade en cada fotograma; un traballo que ela mesma guionizou, produciu e gravou, contando coa complicidade da súa amiga Alma Gallego e o apoio dunha familiar no papel de avoa.

“Quería contar unha historia auténtica, que falara de nós, de Galicia” confesa Sara orgullosa do recoñecemento conseguido. A súa curtametraxe narra o descubrimento por parte dunha moza dun segredo familiar silenciado durante décadas: a desaparición da súa tía avoa a mans da represión franquista por dedicarse á medicina alternativa, unha práctica que naqueles tempos escuros podía ser motivo de persecución.

Con moita delicadeza, Sara constrúe unha viaxe emocional onde a protagonista, rebuscando entre os recordos da avoa, atopa pistas que a conducen ata a casa familiar, que a emerxente cineasta sitúa simbólicamente nas ruínas industriais da Granxa das Salinas. Un escenario desolador pero cheo de forza, onde os muros derruídos falan de vidas interrompidas e soños quebrados.

“Escollín este entorno por proximidade e tamén porque as ruínas representan como a memoria pode deteriorarse pero nunca desaparecer por completo", explica Sara. “Sempre quedan pegadas, anacos que podemos rescatar”.

Lamenta non ter contado con mellores equipos para facer algo máis profesional e agradece que a súa amiga Alma lle cedese a súa cámara e ata o portatil para poder editar. Porén, quizais sexa precisamente esa realidade, esa honestidade visual, a que conseguiu conectar co xurado e cos espectadores.

Entre agradecementos, Sara destaca o apoio incondicional dos seus pais e do seu entorno familiar, alicerces fundamentais no seu camiño creativo. O premio non só supón un recoñecemento ao seu talento, senón tamén un punto de inflexión na súa traxectoria vital. Con determinación, Sara confesa sentirse “con forzas e ganas” para orientar o seu futuro cara o mundo da comunicación audiovisual. “Quero contar historias que removan e emocionen” porque esta prometedora creadora, xa sabe que as historias máis íntimas son, ás veces, as máis universais.

Tracking Pixel Contents