Samieira será o sábado o epicentro da BTT coa Copa Galicia XCO

REDACCIÓN

Poio

Samieira converterase este sábado, día 26, no epicentro da BTT galega coa celebración da 4º proba da Copa Galicia XCO, na que se espera reunir a preto de 200 participantes nas diferentes categorías. Trátase dunha proba histórica dentro da BTT, que se recuperou o ano pasado da man do Club Ciclista Samieira co apoio do Concello de Poio.

O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, presentaron onte a proba xunto ao presidente do club ciclista, Nacho Uhía, e do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. A cuarta proba da Copa Galicia XCO chega o sábado a Samieira, a partir das 15.00 horas e con saída desde o campo de fútbol un circuíto único de máis de 3.600 metros, no que cada categoría dará as voltas pertinentes segundo criterios técnicos. Na primeira manga correrán os ciclistas da categoría infantil; na segunda, cadetes e máster e, na terceira, o resto de categorías. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

O prazo para anotarse remata mañá xoves ás 15.00 horas na web da Federación Galega de Ciclismo. Dispútase nas categorías masculinas e femininas de sub23, máster 60, máster 50, máster 40, máster 30, júnior, élite UCI, élite cadete e infantil.

Tracking Pixel Contents