Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A luz branca afecta á melatonina, o que eleva as posibilidades de ter cancro»

A UNED celebra estes días un curso sobre contaminación luminosa. Coordinado polo grupo «Calidade do Ceo Nocturno», afonda nesta entrevista na cuestión o seu presidente-fundador e profesor titor na UNED, Víctor Tilve

Víctor Tilve.

Víctor Tilve. / FdV

Pontevedra

Víctor Tilve é o responsable do curso sobre Contaminación Luminosa que a UNED leva a cabo. O seu obxectivo é dar a coñecer as importantes implicacións da mala xestión lumínica nas cidades e os danos medioambientais e de saúde que esta xera. Ven de instalar un medidor FreeDSM na UNED, en colaboración co CITIC da Universidade da Coruña e o grupo de sostenibilidade do proxecto Gaia, para ter datos locais, algo do que non había rexistro. Tamén ten participado na V Reunión Científica da Red Española de Estudios sobre o tema.

Que é a contaminación luminosa?

É todo tipo de luz artificial, exactamente igual que a contaminación acústica é o ruído. Máis concretamente, é a emisión de luz artificial en direccións, intensidades, espectros e horarios non axeitados. Importante hoxe en día ter en contra que o espectro, que resumido é a cor da luz, é moi importante. Contaminación luminosa tamén é o malgasto de luz como cando deixamos unha billa botando auga que non usamos.

Que efectos xera?

Moitos. Afecta a toda a biodiversidade: migración de aves, orientación e reprodución de insectos, relación de predador-presa como mouchos, curuxas. Movemento de poboacións como morcegos. Supervivencia de neonatos de aves mariñas e tartarugas... A flora vese afectada ou ben en flores que abren de noite e se non o fan, non poden polinizar. Ou ben vemos como árbores de folla caduca non perden as follas nas pólas que reciben luz durante a noite. Iluminar mal, sexa en potencia ou en direccións incorrectas implica gastar moitos máis cartos dos necesarios a iluminación pública é un dos gastos principais dos concellos. E aumenta a contaminación atmosférica pola xeneración da enerxía necesaria para o consumo. Na saúde, especialmente a luz branca tanto de luz exterior como a de interior e dispositivos electrónicos, causan problemas de diversa gravidade porque afecta á segregación da hormona da melatonina. Sen ela os ritmos biolóxicos se descordinan e causan dores de cabeza, irritación por descansar mal, aínda que durmas, aumento de posibilidades de padecer algúns cancros. E ralentiza a recuperación de enfermos ingresados.

Como se mide e cales son os valores de risco?

Hai distintos parámetros a medir. O máis común é medir o brillo do ceo nocturno en magnitudes estelares, pero é importante coñecer en que rango espectral emite unha luz porque é importante diminuír ou eliminar a compoñente azul, que existe aínda que a luz a vexamos algo amarela, que é a que máis se expande e dana. Sobre os valores de risco non hai un dato concreto. Agora mesmo estase a debater o valor asumible.

Que lle diría a un profano na materia ou negacionista, por que é importante atender á contaminación luminosa?

Non é posible que exista un negacionista da contaminación luminosa. Pode haber quen non lle dea importancia, pero hai estudos que demostran que as persoas invidentes tamén precisan do ciclo día-noite para non verse afectados polos problemas de saúde derivados da ausencia da melatonina. Non se pode negar que somos animais diurnos que levamos máis de dous mil anos vivindo en ciclos de luz-escuridade interrumpidos ou ben por luz de lume ou pola lúa e que o luscofusco envía información importante ó noso organismo sobre o final do día que a luz artificial pode modificar. A contaminación luminosa é tan evitable como absurda: por que queres ter unha luz acesa a toda potencia na que o 90% do que gastas nela é como se queimases billetes.

Cal é o momento no que nos atopamos en Galicia respecto a ela?

Empeorando. A luz led está facendo estragos. Galicia é terra de astrofotógrafos, recomendo coñecer o proxecto Ceos Galegos. Seguimos identificando a luz con progreso cando o progreso é usar sensores de presencia, reloxos astronómicos, cores cálidas, aforro enerxético...

Sálvase Pontevedra dos malos datos?

Non temos medidas con aparellos terrestres recentes. Estamos agora coa instalación dun medidor na facultade da UNED en Pontevedra que nos dará datos moi interesantes. Pero podemos dicir quen non, que Pontevedra non se libra. De feito ten actuacións moi mal feitas como o paseo da saída cara a autovía de Marín. Iluminación en horizontal sen criterios ambientais nin de ningún tipo.

Que se pode facer que estea nas nosas mans?

As persoas somos responsables absolutas. Os políticos só fan o que lles pedimos, nin máis nin menos. E temos que entender que igual que puxemos pulsadores nas fontes onde bebemos e que os Concellos poñen á nosa disposición, a luz non pode estar emitindo sen control. As empresas e particulares tamén teñen que entender que a iluminación correcta é unha responsabilidade social e medioambiental coma outra calquera. E unha empresa non pode contaminar o aire nin a auga. Onde hai aglomeracións de persoas xestionamos o ruído para garantir o descanso e a convivencia. A luz non é diferente. A luz estimula o consumo, pero non é o mesmo facelo ás oito da tarde que ás once ou de madrugada, porque as consecuencias para a saúde son diferentes.

Xa están no ecuador do curso, que inquietudes ve entre os alumnos?

O coñecemento da normativa e o manexo de instrumentos de medición. Pero as consecuencias sobre o medioambiente que evidencian que os axentes contaminantes manteñen unha actitude despreocupada é algo que nos preocupa a todos os que estamos metidos no curso e neste asunto.

«Polo menos imos repensar o concepto de iluminación»

Como se poden previr os efectos adversos en Pontevedra?

Hai que abandonar a idea da iluminación ornamental por exemplo. As pontes só precisan iluminación para o paso de vehículos e persoas. Cando se iluminan lugares como a Alameda hai que ter en conta que son parques con flora e fauna que de noite teñen uns procesos vitais que precisan da escuridade e calquera día da semana de noite non hai actividade humana. Polo menos imos repensar o concepto de iluminación.

Unha mensaxe que como profesor queira deixar clara á sociedade..

O progreso é facer as cousas mellor e dende hai alomenos unha década en iluminación estamos a facelas peor. Cómpre cambiar as cousas. Podemos facelo sen consecuencias negativas para a nosa vida cotiá e moi positivas para a nosa contorna e saúde.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents