Os escolares cantan a Rosalia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convida a toda a cidadanía da provincia a facer uso da lingua galega con motivo da conmemoración do Día de Rosalía de Castro e do Día Internacional das Linguas Maternas. Dúas datas sinaladas que a administración provincial celebrou coa organización dun acto con alumnas e alumnos de terceiro de Primaria do CEIP Campolongo.

Luis López, diante dos alumnos participantes, onte no Pazo Provincial.

Luis López, diante dos alumnos participantes, onte no Pazo Provincial. / Gustavo Santos

Pontevedra

Baixo o título «Canta Rosalía!», os alumnos recitaron poemas da autora galega e desfrutaron do espectáculo infantil «Buscando a Rosalía» a cargo da narradora Raquel Queizás. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; o presidente Luis López aproveitou o encontro cos estudantes para recitarlles unha estrofa do poemario Cantares Gallegos e convidar tanto ao alumnado como ao conxunto da poboación a «que coidemos, promovamos e utilicemos o galego. Esa é a invitación que vos quero facer desde a Deputación».

No vestíbulo do Pazo provincial reuníronse arredor de 75 alumnos de terceiro de Educación Primaria do CEIP Campolongo para participar nos actos de conmemoración do Día de Rosalía de Castro. Despois da benvida por parte do vicepresidente Domínguez, tomou a palabra o presidente Luis López, quen recitou a seguinte estrofa: «Mimosa, soave / sentida, queixosa; / encanta si ríe, / conmove si chora”, para , a continuación, formular unha adiviñanza aos escolares. “Sabedes de que fala?·», cuestionou López. «Da lingua galega», resolveu unha alumna despois de achegar o mandatario provincial unha serie de pistas. Despois deste xogo, o protagonismo asumírono os estudantes ao recitar a coro dous poemas da poeta nacida en Padrón. Rematou o recital o deputado Jorge Cubela, que agradeceu a visita e deu paso ao espectáculo con narración oral e monicreques de Raquel Queizás titulado «Buscando a Rosalía».

Uns dos grupos do CEIP Campolongo. |  Gustavo Santos

Uns dos grupos do CEIP Campolongo. | Gustavo Santos

Con motivo da celebración destas dúas xornadas —a de Rosalía de Catro a das Linguas Maternas—, López presentou tamén un certame educativo impulsado pola Deputación para coñecer a figura de Rosalía e promover o uso da lingua galega. Trátase dun certame no que os centros da provincia que decidan participar deberán gravar unha peza audiovisual protagonizado polo alumnado, incluíndo música, ambientación, vestiario e actuación; recitando algún poema de Rosalía de Castro. Haberá catro categorías de premios por tramos de idade: ‘Campaniñas’, para os cursos de 1º, 2º e 3º de Primaria; ‘Airiños’, para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria; ‘Fontiñas’, para os catro cursos de Secundaria; e ‘Paxariños’, para Educación Especial. En total repartiranse premios valorados en 4.500 consistentes en produtos didácticos, culturais e musicais. O prazo de inscrición remata o 17 de marzo.

«Eu nacín en Rodeiro, vivo en Vilagarcía e traballo en Pontevedra. En todos eses lugares, sempre, sempre, sempre, con toda a xente que teño oportunidade de falar, fágoo en galego», sinalou o presidente provincial para animar aos estudantes e a toda a cidadanía a comunicarse en lingua galega.

Tracking Pixel Contents