Nenos do CEIP Campolongo celebran na Deputación o Día de Rosalía

REDACCIÓN

Pontevedra

A Deputación celebra o venres o Día de Rosalía no Pazo provincial. Baixo o lema «!Canta Rosalía!», a Deputación alude á Rosalía cantareira en consonancia coa poesía popular oral á que están dedicadas as Letras Galegas de 2025. Ademais do presidente Luis López e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistirán ao acto, ás 11.00 horas, preto dun cento de escolares do CEIP Campolongo de Pontevedra que ao remate gozarán da función ‘Buscando a Rosalía’ de Raquel Queizás, un espectáculo de narración oral con monicreques.

Para a celebración do Día de Rosalía de Castro o vestíbulo do Pazo provincial decorarase cunha moqueta rosada, un photocall vexetal e camelias chegadas desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tamén haberá marcapáxinas para o público e un lote de libros para o colexio participante na actividade. Trala benvida e un breve recital de poemas da autora, os nenos do CEIP Campolongo lerán o poema ‘Has de canta’ e recitarán a coro ‘Adiós ríos, adiós fontes’.

Durante o acto, a Deputación tamén anunciará a convocatoria dun concurso escolar co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, ademais de achegala ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico. O fin deste concurso é promover o uso da lingua galega entre o alumnado da provincia. Tamén ten en marcha unha nova edición do programa «Rosalía, a súa casiña, o meu lar» de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía en Padrón.

Tracking Pixel Contents