Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | María Obelleiro Portavoz comarcal de Queremos Galego

«O 70% dos nenos deixan de falar galego cando entran no ensino»

«Vivimos nun contexto de diglosia absoluta, de subordinación ao castelán», alerta a uns días da manifestación de Queremos Galego en Santiago o domingo 23

A xornalista e profesora María Obelleiro.

A xornalista e profesora María Obelleiro. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Pontevedra

Coincidindo co Día de Rosalía, 23 de febreiro, Queremos Galego convoca unha manifestación en defensa da lingua que partirá ás 12 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela. A portavoz comarcal da plataforma, a xornalista e profesora María Obelleiro, lembra nunha entrevista con FARO que "o galego é o noso idioma propio e o que nos define como galegos".

-Dá certa mágoa ter que organizar unha manifestación en defensa da lingua. Como se puido chegar a este punto?

-É o resultado da política lingüística desenvolvida na última década e media de goberno do Partido Popular. O decreto 69/2010, o chamado decreto de plurilingüismo, limita a un terzo as aulas en galego e prohíbe impartir Matemáticas, Física ou Química, supuxo un grave obstáculo para que a lingua puidese estar en pé de igualdade co castelán. E, de feito, aí están as últimas cifras coñecidas dos estudos oficiais. Por exemplo, a do IGE di que é a primeira vez que o español é a lingua máis falada en Galiza, cando sempre fora o galego. E tamén di que o 32% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos recoñecen a súa imposibilidade de falar galego, unha cifra que no 2008 só era do 16%. Esta é a primeira xeración completa que foi educada baixo ese decreto. Son moi preocupantes tanto a perda de falantes como a ruptura xeracional que se dá.

-Sobre o papel que deben ter as Administracións, Alfonso Rueda dixo hai uns días en TVE que a Xunta "non vai dicir á xente en que lingua ten que falar"

-Son tremendamente crítica con esas declaracións porque calquera persoa decátase da escasa competencia lingüística que teñen as nenas e os nenos, ao contrario do que acontece con outras comunidades que teñan lingua propia: Cataluña, Baleares, Euskadi... Aquí parecen que ven ao galego como algo alleo. Non hai medidas compensatorias que contribúan a equilibrar esta sustitución por completo do galego polo castelán. A Xunta de Galicia ten que garantir que se poida usar a lingua en todas as situacións e espazos, e así está recollido no Estatuto de Autonomía, na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Pola contra, o que fai é rexeitar que o galego sexa lingua oficial na Unión Europea, que non sexa requisito para traballar na CRTVG, onde si acaba de abrirlle a porta ao español, con esa nova Lei de Medios Audiovisuais. E tamén deixa ao galego fora da lei que está a preparar de intelixencia artificial. O que fai, en definitiva, é obstaculizar o seu uso e negarnos os dereitos aos galegofalantes que queremos vivir en galego.

"O galego é o noso idioma propio e o que nos define como galegas e galegos"

-Que pode facer a xente para mudar esta situación?

-O galego é o noso idioma propio e o que nos define como galegas e galegos. Temos esa responsabilidade de dicirlle aos poderes públicos, a quen ostenta esa competencia en materia de política lingüística, que adopte medidas para un cambio radical, que lle dea a volta á situación.

-Tamén hai poucos falantes na franxa de idade dos 40 ou 50 anos...

-Segundo o estudo do Consello da Cultura Galega, a lingua perde falantes conforme baixa a franxa de idade. A día de hoxe hai competencia nesa franxa que dis, pero non o uso. Moitas veces se restrinxe ao ámbito da familia, ao máis privado. O problema agora é que aínda que ti sexas educado en galego e queiras educar aos teus fillos non é unha garantía, porque ao redor dun 70% dos nenos criados en galego deixan de falalo unha vez que entran no ensino porque se españolizan.

-Como se poden aproveitar as redes sociais para impulsar o galego?

-Ademais da responsabilidade que temos todas as persoas á hora de empregalo, esixir que se lle teña en conta a súa presenza.

-Hai décadas deuse unha incorporación de neofalantes adultos, por exemplo no ámbito universitario, xa non se dá?

-O Consello da Cultura Galega advirte que a máis nivel educativo, menos se fala galego. Contrariamente ao que pasa en Cataluña, Baleares, Valencia ou País Vasco.

-Por que debemos asistir á manifestación deste domingo?

-Vivimos nun contexto de diglosia absoluta, onde o galego esta completamente subordinado ao castelán. Existe unha situación de emerxencia porque se impón a lingua dominante.

Pancarta de Queremos Galego despregada no balcón da Casa da Luz.

Pancarta de Queremos Galego despregada no balcón da Casa da Luz. / Gustavo Santos

Pontevedra apoia a marcha do domingo

O Concello de Pontevedra apoia a manifestación convocada por Queremos Galego para este domingo, 23 de febreiro, ás 12 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela. Así, onte despregouse unha pancarta no balcón da Casa da Luz, na Praza da Verdura.

Tracking Pixel Contents