Pontevedra acolle as Vodas de Prata do Correlingua

A Alameda é o espazo escollido para a 25 edición da festa o vindeiro 29 de maio

Unha anterior festa do Correlingua.

Unha anterior festa do Correlingua. / Rafa Vázquez

Pontevedra

A Alameda é o espazo escollido para acoller o 29 de maio na cidade a 25 edición do Correlingua, presentada este mércores da man do edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez e unha representación da organización da iniciativa: Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, Suso Vermello, secretario nacional da CIG Ensino e Marta Ferreiro, en representación da AS-PG.

Demetrio anunciaba que «volve o Correlingua a Pontevedra o 29 de maio. Unha actividade que xa está en marcha e non é só esta carreira que vai acontecer este día de festa. Para Pontevedra é un día moi especial, como todos os anos que colaboramos con esta actividade».

Anxo Terán salientou, antes de presentar as actividades programadas, que «este ano cumprimos 25 anos, contra vento e marea. 25 anos saíndo á rúa por todas as vilas e localidades do país, e contando coa axuda sempre dos centros de ensino e do alumnado. Este ano tamén para nós é especial porque, dada a situación actual, é imprescindíbel seguir co Correlingua: é case o elemento máis normalizador en todo o país e por iso, a parte das carreiras pola rúa, elaboramos actividades durante todo o ano que permiten ter feedback cos centros e o profesorado non só no mes de maio.

Entre as actividades máis senlleiras está a da selección do lema, escollido entre as propostas dos centros. Este ano é ‘A mocidade activa por unha lingua viva’, «que nos parece moi acaído. O cartaz, que está feito pola deseñadora Xulia Pisón».

Haberá tamén o concurso ‘Crealingua’ de creación artística en galego. «O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos aire fresco das aulas en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado».

Tracking Pixel Contents