Queremos Galego chama á mobilización pola lingua

Convoca unha manifestación en Santiago, prevista para o vindeiro 23 de febreiro, Día de Rosalía

Reunión da Plataforma Queremos Galego no Pazo da Cultura de Pontevedra. | G.S.

Reunión da Plataforma Queremos Galego no Pazo da Cultura de Pontevedra. | G.S.

REDACCIÓN

A Plataforma Queremos Galego celebrou un plenario comarcal no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, co fin de perfilar a convocatoria da mobilización social prevista para o 23 de febreiro, Día de Rosalía, que sairá da Alameda de Santiago cara á Praza do Obradoiro.

O encontro reuníu a varias entidades e persoas que contribuiron a avaliar a situación da lingua galega, así como na definición das accións a realizar, «partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído».

A Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega, entidades sociais de todo tipo e persoas a título individual a mobilizarse para un novo rumbo para a lingua con unha serie de puntos mínimos, como son a vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade en 2004; a elaboración por parte da Xunta de Galiza, Estado e entidades locais, coa participación de entidades sociais, dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas deste Plan, cos recursos necesarios para levalo a cabo e, en terceiro lugar, a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións precisas.

Denuncian a intensificación da «axenda hostil» contra a lingua, con medidas lexislativas para favorecer o descoñecemento do galego polo funcionariado, a posibilidade de deixar de usar o galego na CRTVG, a exclusión do galego na lei de intelixencia artificial, ou a negativa a apoiar no parlamento as accións para a reactivación do PXNLG e a oficialidade do galego nas institucións da UE.

A Lei de uso do galego polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, a Carta Europea das linguas e o PXNLG como grande acordo nacional pola lingua, «débense reactivar como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización», expón a Plataforma Queremos Galego.

Tracking Pixel Contents