A loita da «leoa» Virxinia para que Castelao fique no Museo
Se a obra de Castelao está no Museo de Pontevedra é grazas á súa compañeira de vida, Virxinia Pereira, que loitou «como unha leoa», segundo as súas propias palabras, para que se cumplise a vontade do artista. O Concello de Pontevedra celebra o Ano Castelao, no 75 cabodano do primeiro presidente de Galicia.

Exposición do ‘Tríptico de cegos’ de Castelao, no Museo de Pontevedra. | R. Vázquez
«Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. Meu Pontevedra!», deixou escrito Castelao, sobre a cidade da que decidíu ser.
No 75 cabodano do primeiro presidente de Galicia, o Concello de Pontevedra súmase este 2025 á declaración do Ano Castelao. O Museo da cidade atesora grande parte da obra do artista, intelectual, ilustrador, escritor e primeira figura política e identitaria de Galicia. E si esta obra se conserva en Pontevedra foi grazas á súa compañeira de vida, Virxinia Pereira.
O proceso de como a obra artística de Afonso Daniel Rodríguez Castelao quedou para sempre en Pontevedra se explica nun traballo publicado polo Concello en 2020, con motivo do 50 aniversario do pasamento de Virxinia Pereira.
Que a obra de Castelao estea en Pontevedra era o lóxico, xa que o autor así o deixou dito, pero non por iso foi doado. Certamente, Castelao xa era integrante do Padroado que fundou o Museo de Pontevedra, inaugurado o 10 de agosto de 1929. Nesa data o matrimonio estaba en París, no hotel de La Loire, e non chegan a tempo para a inauguración. Mais na apertura das portas haberá xa unha obra da autoría de Castelao. En concreto, unha estampa xaponesa propiedade de Iglesias Vilarelle, que á volta do matrimonio recuperará á súa peza ao depositar o autor once cadros no Museo, especialmente paisaxes.
Cando morre Castelao, Virxinia Pereira pelexou, –segundo as súas propias palabras «como unha leoa»– para cumprirlle ao seu home a última vontade: que a súa obra ficase no Museo de Pontevedra. E nese empeño atopou inesperadas batallas.
Responsabilidades políticas
Como se explica no estudo publicado polo Concello de Pontevedra, se un legado sempre é difícil de arranxar, éo moito máis cando os bens dun matrimonio están sometidos a un expediente de responsabilidades políticas que, xustamente, empezou a resolverse un mes despois do pasamento. Iso vai afectar a todo: Os depósitos que tiñan no banco, o legado artístico de Castelao, –que comprendía tanto os dereitos sobre as obras artísticas e literarias coma os propios cadros– e tamén o resto dos bens embargados na casa da Rúa Oliva.
O expediente de depuración vaise saldar cunha multa de 75.000 pesetas. O montante principal virá dos cartos que Castelao e Virxinia tiñan no Banco (depósitos adquiridos entre 1931 e 1935 e do valor doutras propiedades, sobre todo, a obra artística.
Isto foi o que máis lle preocupou a Virxinia. A pesar da súa delicada situación económica, -que se sempre era complexa, coa viuvez se volvera aínda máis inquietante- por riba de todo estaba o temor a que non se fose cumprir a vontade de Castelao de que todo o seu legado cultural acabase no Museo de Pontevedra.
En 1950, o director do Museo de Pontevedra era Xosé Filgueira Valverde. Militara no PG ata a escisión da Dereita Galeguista, pero tras o golpe acabou tan ideoloxicamente afastado que mesmo chegará a ser alcalde de Pontevedra durante o franquismo.
Castelao criticouno con dureza no seu epistolario pero iso non impediu que os desexos de ambos acabasen confluíndo cando, como máximo responsábel do Museo, Filgueira loitou para que a súa obra ficase formando parte dos fondos. Xa en 1936 puido ter agachado, para que non fosen destruídas, pezas comprometidas como o cartel do Estatuto. Mesmo lle debeu facer chegar algunha ao autor pois, no arquivo do Museo, apareceu metido nunha carpeta co rótulo «devolución a Castelao» un papel que recolle que en 1948 se devolveran a Clemencia 48 exemplares de Nós.
A Virxinia Pereira preocupáballe o destino do legado artístico do seu home: «Ogallá que co pensamento posto no benquerido Castelao, se dispoñan como espero, a cumplir diña e moralmente co seu deber. A súa obra artística ten que ser salvada e respetada. A derradeira disposición do seu autor, reclama que pase a ser ‘patrimonio da súa adourada Galiza’ e ista disposición hai que acatala e cumplila hasta por enriba da mesma lei. Vexan pois, por favor, o modo de acadar as cousas que andan espalladas e depositalas no Museo onde xa está unha boa parte dos seus traballiños. Probe o meu Daniel!»
Herdeira final: a súa Galiza
Para cumprirlle o desexo de que a herdeira final da súa obra sexa «a súa Galiza eternamente soñada i eternamente desexada», Virxinia está disposta a todo: «Para defender ise seu desexo, síntome con forzas de leona. Foi promesa especial que lle fixen ao meu Daniel!», escríbelle a Otero Pedrayo.
O devecido acordo entre a viúva de Castelao e o Museo é asinado en Pontevedra 1 de outubro de 1964. Virxinia desprázase ao Museo con Paz Andrade para participar nun acto que tamén conta coa presenza como testemuñas de Gil, Iglesias Vilarelle e Claudio Losada.
En representación do Museo estarán o director Xosé Filgueira Valverde, o secretario, Alfredo García Alén, e o entón presidente da Deputación de Pontevedra, Enrique Lorenzo Docampo.
Manuscritos, 100 pesetas; un óleo, 500
O estudo ‘A vida incerta’ sobre a vida de Virxinia Pereira, explica que chegado 1950, e en concreto o 17 de maio, Filgueira Valverde vai pedir que, en lugar de saír a poxa, as pezas incautadas a Castelao pasen a ser Patrimonio Artístico Nacional. Alegará que non teñen valor material dabondo –os peritos taxan manuscritos en cen pesetas ou un óleo en apenas cincocentas– e, porén, teñen un grande nivel artístico, polo que interesa que sexan propiedade do Estado. O primeiro que consegue é que o xulgado acepte entregarlle toda a obra que espoliaran da casa en 1937 para a súa conservación no Museo. O 20 de marzo de 1950 é requerido o depositario José Lino Sánchez, –o avogado pontevedrés propietario da casa onde vivían Virxinia e Castelao– para que dea conta do estado dos bens. Os peritos taxan en 26.610 pesetas os de máis valor que, agás un par de móbeis, eran esencialmente obra artística. Lino asegura que estaban ben salvo polo «deterioro propio do tempo transcorrido» e porque «entrou nalgún a polilla» e o 30 de novembro o xulgado permite o traslado da obra ao Museo, onde permanecían os 11 cadros depositados por Castelao en 1931, que tamén se taxaran en 4.100 pesetas. En lugar de vendelo todo, o xulgado acepta a petición de Filgueira e o 26 de febreiro de 1951, a multa considérase saldada tras a adxudicación ao Estado da obra embargada, que pasa a formar parte dos fondos do Museo. A pesar diso, non será ata o 17 de abril de 1957 que o Boletín Oficial do Estado publique a libre disposición para a familia daqueles bens que non quedaran afectados polo pago.
- El primer tramo de la A-57 apenas recibe 2.400 vehículos diarios
- Un hombre que orinaba en la calle en Pontevedra permite localizar un foco de venta de droga en el centro histórico
- Manuela Sanmartín, una nueva centenaria pontevedresa
- La protectora de animales de Poio pide «ayuda urgente» para Pincho y Miki
- Samuel Kwesi, del ‘Villa de Pitanxo’: «Cuando yo no podía hacer nada, ellos me protegían a mí para que yo no muriera»
- Un coche queda volcado en la calzada en Sanxenxo tras colisionar con otro aparcado
- Cae en el peaje de la AP-9 en Pontevedra una banda itinerante de georgianos por robos en Vigo y otras ciudades gallegas
- La vinculación de la fiscal Marta Durántez con Pontevedra