Distintas entidades sociais involúcranse na celebración do Ano Castelao

O Concello convoca maña aos colectivos para debatir as posibles actividades

REDACCIÓN

Pontevedra

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, manterá mañá una reunión con distintas entidades sociais da cidade que van participar nos actos de celebración do Ano Castelao, efeméride organizada con motivo do 75º aniversario da morte do ilustre galeguista. Destacou que de todos os méritos que se lle atribúen a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, «ten un moi especial, que Castelao quixo ser pontevedrés», algo que, segundo o edil, «demostrou ao longo de toda a súa vida».

A súa casa na Rúa Oliva, o seu paso polas aulas do instituto Valle-Inclán, a súa participación nos faladoiros do Café Moderno, o local do Partido Galeguista na Praza do Teucro, a fundación do Museo de Pontevedra e da Coral Polifónica, promoveu o traslado da fonte da Ferrería aos xardíns de Casto Sampedro, mesmo impulsou a procesión da borriquita do Día de Ramos, entre outras moitas pegadas que deixou na Boa Vila.

O Concello traballa agora nunha programación que «debe chegar a todos os ámbitos» e que se estenderá ao longo de todo o ano. Entre outras iniciativas recuperarase a exposición «Castelao e Nós» ideada no ano 2000 pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega que reúne unha selección de debuxos significativos do autor.

«Estamos a ver a posibilidade de transformar o seu formato», indicou o edil de Cultura. Entre outros cambios preténdese adaptala para a súa divulgación na internet. Tamén se quere recuperar os roteiros literarios «Meu Pontevedra. Camiñadas con Castelao» incluíndo a reedición dos folletos elaborados con ocasión da estrea desta iniciativa.

Pero Demetrio Gómez recalcou que o goberno local quere organizar os actos do Ano Castelao «colaborativamente» coas entidades sociais da cidade, algunhas das cales xa empezaron pola súa conta para organizar actividades con motivo desta efeméride.

Tracking Pixel Contents