A Aula Cemit de Poio programa sete novos cursos de habilidades dixitais para xaneiro

REDACCIÓN

A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de xaneiro sete cursos novos de habilidades dixitais que van desde informática e internet nivel de iniciación, follas de cálculo niveis iniciación e medio, enderezo electrónico, videoconferencias ou deseño de carteis. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.

Ademais destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 31m de 18.00 a 19.30 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.

O Concello de Poio tamén comeza a próxima semana na Aula da Reiboa os novos cursos de capacitación dixital dirixido a persoas en situación de desemprego. Unha clara aposta do Concello de Poio por seguir ofrecendo formación útil, práctica e que permita reducir a fenda dixital da poboación de Poio.

En total son dúas formacións gratuítas, de 200 horas cada unha, e que se desenvolverán entre xaneiro e abril. Permitirá ao alumnado seguir avanzando en coñecementos informáticos para mellorar a súa empregabilidade, favorecer a busca de emprego e, incluso, facilitar as súas xestións a través da rede.

Tracking Pixel Contents