O pregón e os premios ao deporte marcan o inicio do San Xoán de Poio

A festa continúa hoxe con sardiñada e fogueiras na Seca

Dous momentos dos actos celebrados onte en Poio, cos que comezaron oficialmente as festas de San Xoán no municipio.   | // RAFA VÁZQUEZ

Dous momentos dos actos celebrados onte en Poio, cos que comezaron oficialmente as festas de San Xoán no municipio. | // RAFA VÁZQUEZ

C. P.

As Festas de San Xoan de Poio deron onte o pistoletazo de saída coa lectura do pregón, a cargo do veciño de Campelo Rafa Cabeleira, e a entrega dos premios e recoñecementos aos mellores deportistas da tempada. Iria Tilve, Nicolás Braña e o equipo sénior feminino do Poio Pescamar, recibiron os premios San Xoán 2024 ao deporte na Praza do Mosteiro. Ademais, o Concello de Poio tamén recoñeceu a traxectoria esta tempada doutros deportistas locais nas categorías feminina, masculina e equipos.

O pregón e os premios ao deporte marcan o inicio do San Xoán de Poio

O pregón e os premios ao deporte marcan o inicio do San Xoán de Poio / C. P.

O alcalde, Ángel Moldes, apuntou que “temos todo listo para dar a benvida ao verán a golpe lume e tradición, música, cacharelas e gastronomía... deixando fóra todo o malo e comezando un tempo novo con máis forza, gañas e luz, pero sen esquecer nin deixar atrás as nosas orixes”. E recordou que “o San Xoán forma parte da identidade do noso pobo, das nosas lembranzas, dos nosos recordos de infancia”. Nesta liña, sinalou que “o San Xoán é para nenos, maiores, mozos… Unha festa cun significado especial para toda a veciñanza”. Pero tamén agradeceu a presencia de cada vez máis visitantes, “aos que transmitir esta paixón por unha festa, moi arraigada en Galicia, pero que en Poio vivimos dun xeito moi especial”. A todos, desexou “gozar destas festas máxicas. É o voso momento, tempo de saír á rúa, de disfrutar, de compartir… Iso si, dun xeito seguro, con respecto e con moito sentidiño”.

A festa continúa este domingo, 23 de xuño, que comezará coas alboradas das agrupacións locais Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas polas parroquias. Ademais, o alumnado da Escola de Música de Poio ofrecerá o seu primeiro concerto. Será na Praza do Mosteiro, ás 12.45 horas. Xa pola tarde, as Pandereteiras do Ronsel organizan a tradicional recollida de herbas de San Xoán e pola noite, desde as 21.30 horas, na Seca celebrarase a sardiñada popular, coa música de Los Player, o espectáculo de lume e o prendido da fogueira.

Na noite do San Xoán tamén serán moitos os particulares que prenderán as súas cacharelas en Poio, rexistrándose ata 200 solicitudes de fogueiras en todo o municipio. Desde o Concello de Poio chaman á responsabilidade para manter as praias e os espazos naturais limpos de residuos e ser respectuosos coa preservación da contorna.

O Concello de Poio programou seis días de festa para ofrecer un San Xoán participativo e con propostas atractivas para todos os públicos. Ata o xoves 27, os actos litúrxicos mesturaranse con programación cultural, propostas para toda a familia e as actuacións dalgunhas das mellores orquestras galegas para amenizar as veladas nocturnas: Panorama, Kubo, Los Players, Capitol, Miramar, Gran Parada e Marbella.