Caldas acada tres premios no certame “Vilas en Flor”

Os galardóns recoñecen a xestión municipal dos espazos verdes como a Carballeira e o Botánico

REDACCIÓN

O Concello de Caldas vén de conseguir tres “Flores de honra” no certame “Vilas en Flor”, organizado por Asninor e Agaexar e apoiado e coordinado pola Fundación Juana de Vega, en recoñecemento da súa xestión dos espazos verdes. O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que os premios veñen confirmar “o bo traballo que está a realizar o goberno local apostando pola mellora dos espazos públicos verdes, planificando actuacións como a mellora do Xardín Botánico e a Carballeira”.

Os galardóns foron entregados o pasado venres na gala celebrada no Auditorio de Goián (Tomiño), despois de que un xurado especializado composto por un equipo de persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito paisaxístico, o viverismo, a bioloxía e a formación agraria realizasen as súas deliberacións. En total premiáronse 38 concellos de toda Galicia.

No caso de Caldas de Reis, o xurado destacou a xestión sostible para promover a biodiversidade de espazos realmente singulares como o Xardín Botánico e a Carballeira. Tamén se valorou o bo mantemento do arborado e da flora natural de ribeira, o uso de fentos en zonas sombrías do Xardín Botánico e na Avenida Ramón López e a peonalización da zona urbana do Camiño de Santiago creando un espazo moi integrado.

Ademais, as persoas integrantes do tribunal destacaron que existe unha boa xestión dos espazos, coa implicación do “Obradoiro de emprego” tanto en actuacións de xardinería, “como a propia xestión de biorresiduos nos composteiros comunitarios, e nos labores de mantemento recorren a persoal técnico especializado por exemplo en pódalas de certas especies”.

Por outra banda, subliñouse a aposta pola planificación, investindo en proxectos e plans de xestión e promoven actividades vinculadas aos espazos axardinados.

Na súa visita a Caldas a principios do pasado mes de outubro, o xurado coñeceu de primeira man eses proxectos. A comitiva valorou xa entón o Plan de Xestión da Carballeira de Caldas, o primeiro plan de conservación dun espazo natural destas características de Galicia, así como as medidas tomadas a cabo pola administración municipal para garantir a súa conservación.

Foi moi ben valorado o proxecto co que o Concello de Caldas concorre á convocatoria do 2% Cultural convocado polo Goberno central para mellorar a contorna. Segundo Fariña, esta iniciativa para acondicionar de maneira integral os espazos verdes da vila “é prioritaria” para o goberno local, e pretende poñer en valor a única carballeira BIC de Galicia apostando por ela como atractivo turístico e de encontro para a veciñanza.

Tracking Pixel Contents