“Pontevedra, berce e acubillo. Non hai tesoiras fortes abondo capaces de cortaren o fío que me une a ti e ano noso Lérez. Vila e río transitades acotío polas miñas veas e polos meus mundos oníricos, inevitablemente”. Con esta palabras rematou Fina Casalderrey a súa intervención na homenaxe que onte lle rendíu a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en Pontevedra, entregándolle a Letra E (de Escritora) que a converte en Socia de Honra da asociación. Esas mesmas palabras son as gravadas nun monólito erixido a carón da Ponte das Palabras, en Monte Porreiro, onde tamén foi prantado un acivro pola mesma autora, como lembranza desta data.

"Hoxe non son de Pontevedra, son Pontevedra; levito"

Despois deste acto celebrado moi preto da súa casa e do colexio que leva o seu nome, amigos e autoridades se desplazaron ao Teatro Principal de Pontevedra para compartir con Casalderrey a homenaxe “A Escritora na súa Terra” da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

“Hoxe non son de Pontevedra, son Pontevedra, levito, como levitou Pontevedra en palabras de Torrente Ballester naquela Saga/fuga de J.B., que a fixo levitar ao final para liberala dos seus opresores”, dixo a autora, ao comenzar o seu discurso de agradecemento.

O Teatro Principal encheuse de amigos e admiradores. | // G.S.

“Sen posibilidade de dúbida, sen esaxeración ou hipérbole de ningunha clase, hoxe é un día fermoso na Boa Vila. Podería non parecelo co ceo encapotado, podería un fuxir das nubes grises á hora de pintar unha xornada así, pero hoxe é un día realmente fermoso, hoxe Pontevedra réndelle homenaxe a Fina Casalderrey. Fina é a nosa escritora, é a nosa veciña, a nosa mestra. Xúrovos que calquera palabra que diga hoxe saberá a pouco, pois recoñezo que non se me ocorre unha pontevedresa que mereza máis unha homenaxe como a que hoxe a cidade, a través da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, lle brinda”, díxolle o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa alocución.

Pontevedra, onde Fina Casalderrey “ten as raíces á beira do Lérez e trae a luz da ría nos ollos”

A escritora fixo un repaso da súa vida na cidade do Lérez, arrincando ás veces gargalladas e ás veces a emoción do público, a través de lugares, vivencias e recordos da súa vila. Cando o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, comunicoulle o 29 de otubro de 2022 a intención do colectivo de facerlle este recoñecemento en 2023, aclaroulle que podería escoller con calma o lugar onde celebrar o acto. A súa resposta foi inmediata por doada: Pontevedra, onde Fina Casalderrey “ten as raíces á beira do Lérez e trae a luz da ría nos ollos”, como dixo dela Víctor Freixanes. Pontevedra, que é “como os brazos mornos dunha noiva”, dixo Castelao, “e iso que non chegou a vela como está hoxe”, engadíu Casalderrey no seu discurso.

A autora agradecu a amigos e compañeiros de viaxe esta homenaxe da que dixo “nin soñaba” e que valorou principalmente “por vir arroupada polos afectos”.

Fina Casalderrey xunto ao monólito que lembrará o recoñemento que lle fixo Pontevedra e a AELG. | // G.S.

“Fina é exemplo, exemplo de constancia, de talento e de compromiso. Compromiso coas súas raíces, co rural, con Pontevedra, coa lingua galega, con este país e a súa cultura, compromiso coa súa xente”, salientou o alcalde. “Fina: en nome de toda Pontevedra, de toda a veciñanza e de todos os aquí presentes grazas. Grazas polos leccións que das, polas historias que creas, polo agarimo que profesas e por todas as palabras que tes por transmitir. Es unha persoa que aparece cada millón”, engadíu Fernández Lores, ante un patio de butacas ateigado de amigos e admiradores da obra de Casalderrey.

“Se hoxe me preguntasen: pagou a pena exercer de escritora? Rotundamente respondería sí”, rematou a autora.

“A nosa lingua está afeita a días de pouca luz”

Fina Casalderrey narrou a lista de árbores nas que matinou para plantar ao carón do monólito que lembrará este recoñecemento en Pontevedra e os motivos polos que pensou neles. Así, sobre a camelia dixo que sería unha árbore axeitada porque “como a nosa lingua, está afeita a soportar días de pouca luz”. A escritora nomeada ao que se considera o Nóbel de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Hans Christian Andersen, “é a proba empírica de que estes soños que semellan reservados para uns poucos son realmente posíbeis. E non só iso, son alcanzábeis en galego. A nosa lingua, aínda que moitos insistan nisto, acomplexados eles, non é ningunha barreira; nin para triunfar, nin para ter o recoñecemento do mundo, nin para facer calquera cousa que nos propoñamos. Fina é exemplo vivo disto, é a referencia a seguir. Marca o camiño do que é real e contrastable, indica o camiño a percorrer por outros e outras. Todo é posíbel e todo é posíbel tamén en galego”, dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Lores.