Entrevista |

“Quero converter Pontevedra en capital de futuro, verde, integrada e dinámica”

“Estou no meu mellor momento, con máis ilusión, máis gañas e teño máis ideas que nunca”

Miguel Anxo Fernández Lores

Miguel Anxo Fernández Lores / Rafa Vázquez

Nin esgotado nin canso, Miguel Anxo Fernández Lores deixa claro unha vez máis que está “mellor que nunca” para afrontar o que sería o seu sétimo mandato consecutivo se logra saír reelixido o próximo 28 de maio. O candidato do BNG fala de pasado, mais especialmente de futuro.

–Despois de 24 anos gobernando Pontevedra, temos Lores para rato ou xa está a pensar na xubilación?

–Estou no meu mellor momento desde que son alcalde, con máis ilusión, máis gañas e teño máis ideas que nunca. Preséntome con un proxecto a 8 ou 10 anos que quero executar. Despois xa veremos.

–De todo o feito na cidade, de que está máis orgulloso?

–En primeiro lugar, e sobre todo, de que as persoas de Pontevedra vivamos mellor e esteamos orgullosas da nosa cidade, do noso concello. Este era o noso obxectivo cando chegamos ao goberno e á vista está que se cumpriu. En segundo lugar de converter Pontevedra nun referente mundial, sacando á cabeza e destacando entre miles de cidades do mundo. En terceiro lugar, que nunca dixen o que non sentía nin prometín o que non estaba seguro de cumprir. Quen me vote sabe que nunca o vou a defraudar, sabe que vou a cumprir.

–E que se quedou con ganas de facer?

–Sobre todo, con ganas de que fixeran os proxectos quen tiña que facelos, como a variante de Alba, o paseo a Marín, o dragado da Ría, a circunvalación, que tiñan que estar rematadas hai anos. Ou que nos deixaran facer ao concello, como a actuación en Mollavao ou na praia de Ponte Sampaio. Hai outras adminis- tracións que nin fan nin deixan facer.

–Cales son os retos do BNG para os vindeiros catro anos?

–Avanzar, dar un salto adiante na mellora da calidade de vida. Aumentar o dinamismo social, cultural, deportivo, económico e laboral de Pontevedra. Poñer en valor todo o noso patrimonio ambiental e cultural. Adoptar as medidas máis eficaces contra o cambio climático. En definitiva, quero converter Pontevedra en capital de futuro, en capital verde, integrada e dinámica.

–A compra de Santa Clara, por exemplo, foi un golpe de efecto inesperado no seu momento. Aínda teñen ideas coas que sorprender á xente?

–A compra de Santa Clara foi resultado de anos de xestións discretas, de pensar en grande e perseguir con tesón os obxectivos. Foi moi difícil, pero renderse ante as dificultades non entra na miña cabeza. Nin danar un obxectivo por irse da lingua. Temos máis ideas e operacións en marcha tamén moi importantes.

–O modelo de cidade está bastante avanzado. Cales son os vindeiros pasos a dar para que siga avanzando?

–Podemos dicir que é un modelo único, propio, adaptado e xenuíno de Pontevedra. Entre todas e todos fomos quen de lévalo adiante. Non era nada fácil e a proba está en que outras cidades intentárono e quedaron no camiño. Sempre digo que para levar á práctica un modelo como o de Pontevedra se teñen que dar dúas condicións para ter éxito: hai que querer e hai que saber, e esas dúas condicións so se deron en Pontevedra. O modelo avanzou pero falta aínda moito, diría que moitísimo, pois unha cidade faise durante séculos e non se transforma e refai en so dúas décadas. Hai que seguir avanzando.

–Onde está o límite deste modelo? Cando se podería dicir que está rematado? Ou sempre haberá algunha posible volta que darlle?

–Por un lado, existe o perigo moi real da volta atrás. Por outro, a sociedade cambia, as cidades están en permanente cambio. Dentro da folla de ruta de darlle cada vez máis calidade de vida ao concello de Pontevedra, tanto no rural como na cidade, haberá que estender o modelo a cada vez máis sitios e responder ás novas realidades que xurdan. Creo que, neste sentido, non estará nunca rematado. Por exemplo, ninguén pensaba hai 15 anos que se nos puidese obrigar ás Zonas de Baixas Emisións. Pontevedra tivo previsión e buscou unha boa solución. A outras cidades pillounas co pe cambiado e creoulle un grave problema.

–Vostede sempre foi moi firme nas súas decisións en canto á peonalización da cidade. Que lle fixo dar marcha atrás co proxecto que tiña para Monte Porreiro? Canto influíron as mobilizacións no barrio?

–Actuamos sempre cuns criterios claros e igual para todos, negociando o que sexa negociábel en cada caso. Se a actuación afecta so a un ámbito localizado, a decisión queda nas mans dos afectados. Xa noutros casos, como Ernesto Caballero, os Salgueiriños ou o Campo da Torre, nun determinado momento non quixeron a actuación e non se fixo. Cando a quixeron, fíxose. En Monte Porreiro a única novidade foi que os seus representantes primeiro estaban de acordo e despois volvéronse atrás. Se dixeran que non dende o principio, teríamos aforrado traballo e leas eles e o Concello. E se a actuación ten repercusións en ámbitos moi amplos, a decisión tena que tomar o goberno pois non é posíbel casar opinións contraditorias.

–Tamén houbo algunhas mobilizacións polo peche da rúa Reina Victoria. Arrepíntese un pouco desta decisión? Cre que lle vai restar votos?

–O único que penso é en como mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan en Pontevedra. Polo tanto, se hai zonas de Pontevedra como Eduardo Pondal, Echegarai, o ambulatorio, colexios, moitos centos de vivendas, que soportaban un tráfico excesivo, teño o compromiso de actuar para reducilo á límites razoábeis. E para min, os compromisos están para cumprirse.

–As enquisas apuntan a un reparto de concelleiros moi semellante ao actual. Como está a relación co PSOE de cara a unha máis que posible negociación?

–Non son nada amigo das contas da leiteira. Cos resultados na man xa falaremos do goberno. O único que temos son os discursos e teño que dicir que a pinta non é boa. O PP e PSOE parece que teñen o mesmo discurso. A coincidencia é asombrosa, cunha obsesión común: todos contra Lores, todos contra o modelo. Non se pode descartar unha pinza destrutiva PP-PSOE.

–Que vai ser o primeiro que faga cando sexa reelixido alcalde?

–Poñer en marcha os centos de xestións necesarias para poder cumprir canto antes co programa que presentamos, organizar as festas, organizar o tríatlon e adxudicar o contrato dos residuos. Vai ser un gran verán en Pontevedra, pero no goberno vai ser unha época de moito traballo. Os primeiros meses son decisivos para os logros dos catro anos seguintes.

Suscríbete para seguir leyendo