O Día da Muiñeira chega a súa 50 edición

Dios Pontes organiza a cita para o 2 de xuño na Alameda de Pontevedra

Edición de 2019

Edición de 2019 / RAFA VAZQUEZ

R. P.

Despois do parón forzoso motivado pola pandemia do COVID, que impediu a celebración do evento nos anos 2020 e 2021, este ano o folclore, a música e o baile volverán encher as rúas de Pontevedra. A asociación Duos Pontes ya ten en marcha a 50 edición do Día da Muiñeira.

O primeiro acto será o sábado 27 de maio na praza da Peregrina, coa celebración dunha palillada na rúa na que as alumnas de Esperanza Marín mostrarán o seu bo facer cos palillos. O encontro comezará ás 11.30 e prolongarase ata as 13.30. Estará amenizado polo grupo de gaitas de Duos Pontes e contará coa actuación do grupo Os Trazantes de Tenorio. No caso de que a choiva impida a celebración da palillada ao aire libre, a mostra trasladarase á Praza de Abastos de Pontevedra.

O venres 2 de xuño celebrarase o Día da Muiñeira. Como vén sendo habitual, os grupos participantes concentraranse na praza do Teucro, desde onde ás 19.30 partirá o desfile polas rúas de Pontevedra ata a avenida de Montero Ríos. Ás 20.00 dará comezo a mostra de baile, co seguinte programa:

– Categoría A, menores de 8 anos, que bailarán a Muiñeira de Mariñán;

– Categoría B, de 8 a 13 anos, que bailarán a Muiñeira de Fozara;

– Categoría C, maiores de 13 anos, que bailarán a Muiñeira de Santa Mariña.

Ao acabar, interpretarase unha jota e un pasodobre para que participantes e público gocen do baile e da música tradicional. Todas as pezas estarán interpretadas polo grupo de gaitas de Duos Pontes.

Ademais destas dúas actividades, a Asociación Duos Pontes organiza unha exposición para conmemorar a edición número 50 da celebración do Día da Muiñeira. Unha data tan especial non podía pasar sen unha celebración especial; a partir do 2 de xuño, unha mostra fotográfica exposta na Praza de Ourense percorrerá algúns dos principais feitos e anécdotas que se sucederon desde a primeira edición no ano 1970.