“Fernández del Riego teimou por facer unha Galicia máis culta e libre”

A Deputación celebra o seu acto central das Letras Galegas en homenaxe a Don Paco cunha palestra de Malores Villanueva

Dous momentos do acto celebrado onte no Pazo Provincial. |   // FDV

Dous momentos do acto celebrado onte no Pazo Provincial. | // FDV / C. P.

C. P.

“Si Galicia sobreviviu e ten como pobo un porvir dediante e unha misión histórica é porque conta cunha fala de seu”. Con estas verbas do discurso de ingreso de Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega en 1930 comezou onte o acto central das Letras Galegas 2023 da Deputación de Pontevedra en homenaxe ao autor.

“Fernández del Riego teimou por facer unha Galicia máis culta e libre”

“Fernández del Riego teimou por facer unha Galicia máis culta e libre” / C. P.

Unha palestra a cargo da integrante da Editorial Galaxia e padroeira da Fundación Penzol, Malores Villanueva, e un espectáculo de cociña en vivo do chef Rubén González puxeron o broche de ouro á reivindicación de Del Riego como un home que, en palabras da deputada de Lingua María Ortega “só entendía estar no mundo como galego e purraba por todo o que implicase avance e progreso para Galicia, que teimou por facer máis culta e libre”. O evento contou, ademais, coa participación da académica Fina Casalderrey.

A deputada de Lingua abriu o evento, subliñando que a festividade máis importante da cultura galega, que cumpre sesenta anos este 2023, foi produto da invención de Francisco Fernández del Riego, de quen “exerceu durante toda a súa vida unha incansable militancia pola lingua”. Lembrouse que foi secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a II República, membro do Seminario de Estudos Galegos, foi un dos fundadores da editorial Galaxia, presidiu a Real Academia Galega e foi director da Fundación Penzol, “exercendo de tradutor, editor e articulista sen desalento, tamén lle debemos a construción dun galego universal no século XX”.

Ortega, facendo tamén relevancia da súa responsabilidade como deputada de Memoria Histórica, lembrou que a Del Riego tocoulle vivir “entre persoas e tempos escuros” superando momentos complexos pola súa ideoloxía, polos que tivo que agocharse e deixar de usar o seu apelido para poder exercer a súa actividade académica, para a cal estaba inhabilitado polo réxime, chegando a estar dúas veces no cárcere (unha en A Parda).