Marín honra a Del Riego

O Día das Letras Galegas farase entrega dos premios do concurso de Narración Curta, que xa ten gañadores

Álvaro Gago, o alcalde de Pontevedra e as actrices María Vázquez e Susana Sampedro, na proxeción de “Matria” na capital.

Álvaro Gago, o alcalde de Pontevedra e as actrices María Vázquez e Susana Sampedro, na proxeción de “Matria” na capital. / FdV

R. P.

Marín festexará, como toda Galicia, o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, adicada este ano a Francisco Fernández del Riego, unha festa que en Marín ten un epicentro claro: a entrega dos premios do XVII Premio de Narración Curta do Concello de Marín, ás 12.00 horas o propio día 17 de maio, no Museo Municipal Manuel Torres. Despois de recibir os traballos presentados e da deliberación do xurado, resultaron gañadores os seguntes:

Na categoría escolar, de 5º e 6º de Primaria: primeiro premio: Gabriel Medina, por “A guerra binaria; segundo premio: Aitor Cisneros, por “María no mundo agochado”; terceiro premio: Kenia Río, por “O árbol de Sara”. Na categoría de adulto, un premio de 1.000 euros para Rafael Vilar, por “A ceifa clara”.

A programación para celebrar o día das nosas letras comezará o día anterior, 16 de maio, coa proxección de “Matria” ás 21.30 horas na Alameda, á que asistirá o director Álvaro Gago para un posterior coloquio. O filme foi proxectado de balde o pasado mércores no Teatro Principal de Pontevedra tamén coa presenza do director e as súas actrices María Vázquez e Susana Sampedro, cun grande éxito de público,.

O propio 17, despois do acto de entrega dos premios do certame literario de Marín, será o momento ás 13.00 horas do concerto de Emilio Rúa e Rosa Cedrón na Alameda. Alí mesmo volverá haber música a partir das 19.00 horas cun concerto de Arte&Maña.