A Deputación organiza charlas, teatro, publicacións e mostras de cociña polas Letras Galegas

Louva a “militancia pola lingua” de Francisco Fernández del Riego, o homenaxeado de 2023

REDACCIÓN

A Deputación de Pontevedra vai celebrar as Letras Galegas deste ano dedicadas a Francisco Fernández del Riego con charlas, espectáculos de teatro e cociña, publicacións, obradoiros e exposicións que se desenvolverán durante todo o que queda de 2023. Así o anunciaron onte a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua e Memoria Histórica, María Ortega. “Del Riego foi un militante pola nosa lingua”, subliñou a deputada Ortega, lembrando que ademais de ser unha das máis grandes figuras literarias da Galiza, cofundador da editorial Galaxia, e creador do Día das Letras Galegas, foi tamén unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil.

Na mesma liña falou na presentación a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que celebrou a “programación moi potente” que vai desenvolver a institución provincial co gallo do Día das Letras Galegas. Con estas accións, asegurou, “imos presumir da nosa lingua e de tantas e tantos persoeiros que temos no noso país e que nos axudan a construírnos”.

A primeira actividade será o 13 de maio cun acto aberto ao público (inscricións en lingua@depo.gal) no que, da man da editorial Galaxia, a docente e escritora Malores Villanueva realizará unha palestra sobre Del Riego. A parte didáctica estará acompañada por outra gastronómica, cunha demostración de cociña en vivo e un petisco a cargo de Rubén González, do Cafetín Pontevedra, galardoado con numerosos premios.

Por outra banda, o luns 22 de maio desenvolverase outra actividade para rapazada de secundaria, un espectáculo teatral titulado “Un optimista radical” de Serafín Marcos, quen dende 2003 realiza un labor divulgativo das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas, teatralizando vidas e obras, neste caso de Francisco Fernández del Riego.

Contacontos

Tamén para a xente nova, xunto a Polo Correo do Vento, a Deputación levará a 35 concellos entre o 15 de maio e o 31 de xullo un contacontos no que se fará unha viaxe pola biografía do homenaxeado. As contadas, destinadas a público familiar, incluirán unha parte de ilustración a cargo de Carlos Taboada, e outra musical, na que se interpretará o ‘Rock de Paco del Riego’. O luns día 8 ábrese o prazo de solicitude para os concellos interesados.

Tamén se editará unha publicación destinada á rapazada elaborada por ‘Polo Correo do Vento’ co título ‘O camiño andado das letras’, un proxecto para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas cun percorrido polas persoas autoras ás que se lle dedicou historicamente a data máis importante da literatura galega.

Así mesmo, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizados sobre Francisco Fernández del Riego e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras.