A cidade revive a cultura rural coa Aña Urbana

Pontevedra recupera esta festa popular con pasarrúas, regueifas, baile tradicional e un serán

Unha parella de mozos baila durante a celebración da Aña Urbana pola cidade.   | // G. SANTOS

Unha parella de mozos baila durante a celebración da Aña Urbana pola cidade. | // G. SANTOS / F.M.

F.M.

Pontevedra recuperou a festa da Aña Urbana, nunha nova edición que volve trala ausencia e imposibilidade de ser realizada nos anos anteriors polas restricións sanitarias derivadas da COVID. A asociación cultural Trépia é o colectivo que está detrás da organización desta xuntanza tradicional que volveu con forza, como ven sendo habitual nos eventos que non puideron ser celebrados ao longo destes últimos anos.

“Temos a posibilidade de volver facer un evento realmente importante, que xa leva máis de dez anos celebrándose no mes de abril, intre no que aramos a terra. A Aña Urbana achega á cidade unha tradición rural que supón traballar en comunidade, deixar constancia desa unión, da posibilidade de colaborar entre todos e todas”, explicou Carla Riquelme, da asociación Trépia. A organizadora sinalou que tiñan moita gana “de ter unha festa por todo o alto”.

Esta nova edición da festa contou con roteiros pola cidade, coa participación dos grupos polas rúas e prazas do centro histórico, un xantar de confraternidade, un Obradoiro de Regueifa (co Rabelo e Alba María), outro de toques de leghón (con Xandre Outeiro), e outro de baile do ramo, a cargo de Álvaro Carballo.

A tarde festiva contou con faladoiro con Luís Prego, a actuación da escola A.C. Trépia e, para pechar a festa, o concerto de Abril de Pan Sen Fron. A noite rematou cun Serán de micro aberto para a participación de tódalas persoas que quixeron intervir.

Foron en conxunto máis de doce horas de actividades intensas, co foco na cultural e na festividade e musicalidade tradicional, que tamén incluíu roteiros pola cidade.