Oftalmoloxía do CHOP publica en lingua galega un artigo sobre unha síndrome ocular

Trátase da Pseudoexfoliativa unha alteración xeneralizada relacionada coa idade

REDACCIÓN

O servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ven de publicar en lingua galega un artigo sobre a síndrome pseudoexfoliativa –unha alteración xeneralizada da matriz extracelular, relacionada coa idade, caracterizada pola produción multifocal e excesiva dun material extracelular que se acumula en diferentes tecidos intra e extraoculares–.

Segundo sinala o oftalmólogo do Complexo Hospitalario Universitario Pontevedrés, o doutor Carlos Sevillano Torrado, “no noso servizo estamos moi satisfeitos da publicación deste artigo, o primeiro en lingua galega nunha revista oftalmolóxica especializada do que temos coñecemento”.

Esta doenza foi descrita por primeira vez en 1973 e posteriormente déuselle este nome para diferencialo da verdadeira exfoliación do cristalino, que ocorre entre profesionais que traballan en altas temperaturas, coma por exemplo o colectivo de sopradores de vidro. Tamén se denomina exfoliación senil, fibrilopatía epiteliocapsular e mesmo hoxe mantense o termo exfoliación.

Patoloxías

O acúmulo deste material en diferentes tecidos pode asociarse a diversas patoloxías. Nas estruturas oculares, o paradigma clínico da síndrome pseudoexfoliativa é o glaucoma, de tal xeito que se existe dita síndrome ocular, a probabilidade de padecer glaucoma multiplícase por oito.

No artigo publicado en lingua galega polos oftalmólogos do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés nunha revista oftalmolóxica especializada internacional sinálase, entre outras cuestións oftalmolóxicas que a síndrome pseudoexfoliativa é a responsable do 25 % dos glaucomas de ángulo aberto e a causa máis frecuente de glaucoma secundario de ángulo aberto no continente europeo.

O doutor Carlos Sevillano Torrado engade que, posto que non hai tratamento específico, débese incrementar a detección precoz e para iso é importante dar a coñecer esta patoloxía.