O campus súmase á alborada para Rosalía coa zarzuela galega como eixe

A Casa das Campás acollerá o día 23 unha charla e un recital

REDACCIÓN

Con motivo da conmemoración, o 23 de febreiro, do Día de Rosalía, a Asociación de Gaiteros Galegos e a Fundación Rosalía de Castro efectuaron nos últimos anos un chamamento aos músicos de Galicia para que, desde diferentes puntos do país, interpreten unha alborada na súa honra. Co obxectivo de pór en valor “unha figura senlleira na que é a razón de ser do noso pobo”, como salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, o campus sumarase o vindeiro xoves 23 a este chamamento. Farao coa interpretación musical do poema Alborada por parte da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo, no marco dun acto conmemorativo que terá como eixe central a zarzuela galega.

Este xénero musical será o eixe da conferencia que nesta xornada impartirá na Casa das Campás (as 20.30 horas e con entrada libre) o musicólgo Javier Jurado e centrará tamén boa parte do repertorio do recital que ofrecerán Crespo e Amoedo, do que forman parte tamén varias pezas que poñen música a poemas de Rosalía, alén da propia canción coa que o campus busca sumarse á Alborada para Rosalía.