A literatura galega de hoxe, a debate

Marilar Aleixandre, Premio Pardo Bazán No País das Rías na categoría de Cultura, e a escritora Rexina Vega protagonizan hoxe un encontro no Pazo arredor das letras

A escritora Marilar Aleixandre.

A escritora Marilar Aleixandre. / XOÁN ÁLVAREZ

S. R.

A Deputación de Pontevedra e FARO DE VIGO celebran hoxe no Pazo Provincial o encontro “A Literatura Galega na actualidade”, que contará coa participación da escritora e académica Marilar Aleixandre, Premio Pardo Bazán No País das Rías na categoría de Cultura e Rexina Vega, tamén escritora, tradutora e investigadora no ámbito da literatura galega. Presentará o acto, que comezará ás 19 horas, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

Escritora, tradutora e bióloga, Marilar Aleixandre foi recoñecida co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra “As malas mulleres” , da que o xurado destacou a “súa orixinal estrutura híbrida que a converte nunha novela histórica singular sobre a situación carcelaria da muller no século XIX, cun dominio admirable do diálogo e da linguaxe”.

Ademais, o xurado indicou que “a obra recupera a memoria dun xeito brillante dialogando coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diferentes clases sociais introduce elementos da poesía popular e da cultura oral. A autora pon o acento nas desigualdades e ao mesmo tempo ofrece unha mirada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da irmandade e do compromiso cos demais”.

Rexina Vega.   | // ELI REGUEIRA

Rexina Vega. | // ELI REGUEIRA / S. R.

A presidenta da Deputación presidirá o encontro, que comezará ás 19 horas

A académica de número da Real Academia Galega tamén recolleu o pasado mes de novembro o galardón Pardo Bazán No País das Rías e no seu discurso de agradecemento lembrou que “dende o principio escribín novelas con ollada feminista, porque non teño outra, pero o que mudou agora, e podemos felicitarnos, é que pasou a estar considerado pola sociedade”.

Deixou claro que “as mulleres teñen que ter acceso ao coñecemento, porque é o que nos fai máis libres, e hai moitos países nos que non é así, polos que temos que seguir loitando”.

Pola súa banda, Rexina Vega compatibiliza o seu traballo nas letras coa docencia na Universidade de Vigo. Estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, é autora de numerosas monografías sobre o gran escritor de Mondoñedo. Como novelista publicou “Cardume”, que foi premio Xerais das letras galegas. No 2017 publicou a autotradución ao castelán “Nadie duerme” que posteriormente saiu na súa versión orixinal como “Ninguén dorme”.

Foi colaboradora habitual do Centro Virtual Cervantes e no seu haber figura o Premio Sthendal, así como ter sido finalista do Premio Nacional de Tradución pola obra de Georges Perec “El secuestro.”