O Concurso de Música Tradicional Soalleira reunirá a grupos procedentes de toda Galicia

Reparte 3.500 euros en premios o 7 de maio no auditorio de Sanxenxo

Redacción

O Concurso de Música Tradicional Soalleira celebrará a súa quinta edición o vindeiro 7 de maio no Auditorio Emilia Pardo Bazán. A cita que ten fixada a súa data no segundo domingo do mes de maio, salvo excepcións, cambia este ano o día para non coincidir co Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina que mudou a súa data por mor das eleccións municipais. A Asociación Cultural Soalleira que se encarga de organizar o certame xunto co Concello de Sanxenxo iniciará nestes días o envío das bases do concurso, vía correo electrónico, ás agrupacións que, para participar, deben enviar a súa inscrición ao mail soalleira@gmail.com. Nesta edición na que xa non existe restrición sanitaria de ningún tipo, prevese que a participación supere á da edición pasada na que asistiron 38 agrupacións das catro provincias galegas.

No concurso poderán participar asociacións folclóricas, culturais, xuvenís, colectivos veciñais ou Anpas sen ánimo de lucro. Haberá catro categorías. A categoría A (ata 10 anos) e a categoría B (de 11 a 13 anos) optarán a un primeiro, segundo e terceiro premio valorados en 300, 200 e 100 euros, respectivamente, mentres que a categoría C, agrupacións con idades entre os 14 e os 17 anos, repartirá 400 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, a categoría D (maiores de 18 anos), terá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200 euros. Ademais, haberá dous accésits de vestiario valorados en 100 euros.

A cita poderá seguirse vía streaming e nunha pantalla que se colocará na carpa que se instalará na entrada exterior do Auditorio onde os grupos poderán ensaiar, descansar e prepararse para as actuacións.