Deputación, Xunta, Irmandade Xurídica e 35 concellos se comprometen coa lingua galega

Asinan a “Declaración de Pontevedra” que pretende aumentar o uso da lingua do país nas relacións coa xustiza | Coincidíu co 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego

Representantes das institucións asinantes da “Declaración de Pontevedra” descubren unha placa ante o Pazo da Deputación Provincial. |  //FDV

Representantes das institucións asinantes da “Declaración de Pontevedra” descubren unha placa ante o Pazo da Deputación Provincial. | //FDV / R.P.

R.P.

A Deputación de Pontevedra, a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta de Galicia, xunto a 35 pequenos concellos da provincia, asinaron a “Declaración de Pontevedra”, un manifesto no que se comprometeron a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza. Segundo subliñaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, este compromiso supón “un feito histórico” na normalización do idioma do país, xa que nestes momentos a lingua galega fica aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas.

O manifesto establece como obxectivo normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que as e os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante, as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da “Declaración de Pontevedra” sexan en lingua galega.

No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, foron anfitrioas a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, que estiveron acompañadas do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, e do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, xunto a representantes de 35 concellos.

Como relatoras falaron a maxistrada Ana Filgueira Paz, a representante da Irmandade e da Fegamp Patricia Vilán, a avogada Ana Mosquera, e o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego. Asistiron grande número de maxistradas e maxistrados entre os que se puideron recoñecer Ramón Villares ou Xesús Palmou, entre outros.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar que o acto pola galeguización xurídica dos concellos realizado hoxe na Deputación “é imprescindible” para falar da situación da lingua, xa que “é o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento”. Subliñou que o galego é “prestixioso por si mesmo” e que “se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender”.

Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega insistiu en que o da xustiza é un ámbito no que aínda é preciso dar moitos pasos adiante, por iso agradeceu a sensibilidade de todas e todos os representantes do mundo local que hoxe asinaron a ‘Declaración de Pontevedra’ para fomentar o uso do galego. “Hai que rachar con esta situación e mover os marcos da lingua, remediar as inercias do pasado e xuntar sinerxias entre todas as administracións para acadar unha maior unidade de acción na defensa do galego”, subliñou.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García destacou que as administracións locais asumiron historicamente de maneira rápida o uso do galego no seu funcionamento e como lingua de proximidade. Recoñeceu que queda moito por facer na xustiza e destacou a necesidade de desenvolver ferramentas informáticas e de traballo para as persoas do ámbito xudicial. “Alguén debe ter a iniciativa –de fomentar o uso na xustiza- e poñer o tema sobre a mesa. Se é inducido por alguén con responsabilidades administrativas, mellor. Dende a Xunta sempre van ter a nosa colaboración. Poñer recomendacións do uso do galego nos pregos dos concellos para contratar asesorías non custa, non é máis caro nin vai levantar ‘sarpulllido’”, subliñou. Na parte institucional, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, fixo un percorrido polas conquistas do galego no mundo xurídico e administrativo.

Suscríbete para seguir leyendo