Os Trasnos de Nadal inician as súas visitas de animación e música ás parroquias

Empezan en Sartal, Casalvito e Combarro y o xoves actúan en A Reiboa e O Mosteiro

REDACCIÓN

Logo das visitas realizadas aos centros educativos do municipio durante a pasada semana, os Trasnos de Nadal trasladarán ao longo destes días o seu espírito festivo, tan propio destas datas, a diferentes lugares do concello. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, lembra que estas visitas forman parte do programa Vive o Nadal en Poio, que engloba máis de 30 iniciativas lúdicas desde mediados de decembro ata o día de Reis.

Deste xeito, esta particular comitiva, liderada polo artista local Nelson Quinteiro, inicia o seu percorrido, a base de música e animación, mañán, entre as 17.00 e as 19.30 horas polo Sartal, Casalvito e o núcleo de Combarro. Posteriormente, o xoves 22, xa en horario de mañá (de 11.00 a 13.30 horas), os Trasnos de Nadal pasarán por A Reiboa, O Mosteiro, A Seca e A Seara. Por último, o venres 23 pechará este primeiro paso dos trasnos a localidade de Campelo, tamén pola mañá. As visitas finalizarán para despedir o ano, os días 30 e 31 de decembro, pasando polas parroquias de San Salvador, Samieira e Raxó.

Ademais, tal e como recorda a edil de Cultura, ao longo desta semana tamén se desenvolverán outras actividades que forman parte da programación de Nadal. Este é o caso, por exemplo, da sesión de contacontos “Fazulas, o ladrón de paraugas”, que terá lugar o xoves, ás 17.30 horas, no Casal de Ferreirós (San Salvador). Esta iniciativa forma parte do programa Nadal en Rede, impulsado polo departamento de Política Lingüística.