O Apalpador, a figura do Nadal galego

Anxo Moure, Xoán González e María Ortega debaten hoxe no Club FARO a recuperación dunha das tradicions destas festas

O Apalpador, a lenda galega que recupera á Deputación e hoxe aborda o Cblu FARO.

O Apalpador, a lenda galega que recupera á Deputación e hoxe aborda o Cblu FARO. / FdV

N. D.

O Club FARO e a Deputación de Pontevedra celebran ás 19.00 horas de hoxe unha conferencia sobre a figura do Apalpador na que intervirán Anxo Moure, escritor, contador de historias e ecopacifista, Xoán González, ilustrador, deseñador e creador de contidos nda web Apalpado.gal, e a deputada provincial de Lingua, María Ortega. Na charla abordarase a recuperación desde tradición galega levada a cabo pola Deputación nos últimos anos, con ciclos e actuacións en toda a provincia.

A tradición do Apalpador e a Noite do Apalpadoiro en Galicia estaban perdidas no inicio do milenio, mais afortunadamente mantíñanse na lembranza dunhas poucas persoas que as viviran de pequenas. Grazas a elas, e dende o ano 2008, estase a facer un grande esforzo por recuperar esta tradición entroncada con outras do norte da España e de toda Europa pero con características propias.

Nestes últimos anos o camiño o traballo de recuperación feito por algúns colectivos é inmenso mais a figura do Nadal galego aínda segue a ser de “terceira fila”, motivo polo que hai que coidar moito a autenticidade da tradición e amosala co mellor aspecto posíbel.

A Deputación de Pontevedra, co fin de colaborar co mantemento deste mito galego, leva xa oito anos achegándoo aos concellos da provincia de Pontevedra da man de Anxo Moure e a súa equipa o acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, facendo pasarrúas nas que as crianzas dos municipios coñecen a este carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

O propio Anxo Moure, escritor, contacontos e ecopacifista, e tamén Xoán González, ilustrador, deseñador e infografista responsable da web Apalpador.gal falarán na charla de Club FARO do mito galego e tamén doutros semellantes noutros territorios, facendo valer a figura para tamén promover valores como a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudables e a igualdade.

Suscríbete para seguir leyendo