O Concello de Vilaboa ven de inaugurar unha sección de Igualdade na biblioteca municipal da Casa de Cultura de Riomaior, dotada con 190 exemplares catalogados por idades que buscan promover o valor do respeto e da paridade a través do hábito lector. A concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, apunta que esta sección “é un recurso máis ao servizo da cidadanía de Vilaboa para avanzar, desde a perspectiva de xénero, no concepto dunha sociedade igualitaria”. Para elo, o Concello clasificou os fondos literarios en función das idades do potencial público lector en sección de 3 a 6 anos; de 6 a 9 anos; de 9 a 12 anos; unha categoría de literatura xuvenil a partir desta idade e xa volúmenes para adultos. O alcalde de Vilaboa, César Poza, considera “fundamental poñer a disposición da cidadanía todos os recursos posibles para frear a violencia contra as mulleres desde a educación en igualdade, un traballo no que salienta o traballo que están a realizar desde os centros de ensino do municipio coa poboación máis cativa”.