Permitir que haxa maneiras de concibir o estado e a política diferentes ao centralismo é a base da democracia. Esa foi a idea central sobre a que xirou a mesa de debate sobre ‘” represión das identidades nacionais” celebrada onte na Deputación dentro das Xornadas de Memoria Histórica “Na loita contra a impunidade” que reuniu a Aitor Esteban (PNV) e Joan Tardá (ERC), deputados no Congreso, e a Olalla Rodil (BNG), parlamentaria galega.

Despois da xornada de onte na que se falou de masonería, anarquismo e outras opcións políticas, os tres representantes reflexionaron sobre como o franquismo censurou opcións políticas diferentes, e como esa situación chegou ata o día de hoxe nunha democracia “consolidada”.

Olalla Rodil destacou a importancia de que a cidadanía vexa o nacionalismo como unha proposta política lexítima que plantexa “o dereito a decidir sobre a vida colectiva e o que nos afecta como pobo galego”. Neste sentido, criticou o intento de partidos centralistas de criminalizar ese proxecto democrático e de progreso: “queren achicarnos e intentar que haxa medo na sociedade galega, e utilizar ese medo como ferramenta de control para manter o “status quo” e o orde natural das cousas onde nada pode cambiar nin pode estar o BNG. Equivócanse”, subliñou.

O exvoceiro de Esquerra Republicana de Cataluña Joan Tardá, pola súa banda, foi contundente ao asegurar que a democracia en España, realmente, “é moi low cost”, posto que se construíu nunha transición “que foi o que foi”, demonizando opcións que defendían a fraternidade e liberdade dos pobos. “A democracia en Europa construíuse cos materiais nobles produto da derrota do fascismo e do nazismo. Aquí en España a democracia construíuse con materiais de derrubo, o que leva a asumir como normal que máis que unha separación de poderes existe un reparto de poderes que permite que sexamos unha anomalía”, subliñou.

Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso destacou que a percepción social do que en España debe ser aceptable e o que non vén incluso de antes do franquismo, cando se agravou considerablemente. Para o nacionalista é necesario que o Estado español dea resposta á realidade aos feitos diferenciais das nacións de Galicia, Cataluña e Euskadi. Criticou o “café para todos” repartido na Transición e subliñou que implicitamente a maneira de actual actual dos partidos centralistas fai que a cidadanía galega, vasca e catalana sexa considerada “de segunda”.