A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz, e o concelleiro de Pesca e Marisqueo, Julio Casás fixeron onte balanzo do resultado do Plan de Dinamización da Casa Museo de Colón, levado a cabo pola empresa Tempos Arqueólogos e que serviu para impulsar un gran número de actividades entre os meses de xuño e outubro. Ademais, a cita tamén serviu para presentar oficialmente unha nova peza audiovisual que se exhibirá nas dependencias de Portosanto e que versa sobre a orixe poiense de Cristóbal Colón. Este vídeo, ademais, tamén estará dispoñible na web de Turismo de Poio.

Tanto o Plan de Dinamización como a realización desta obra subvencionáronse grazas a unha subvención obtida a través Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Pontevedra. Tanto Díaz como Casás lembraron que a obtención desta axuda foi posible grazas á adhesión do Museo á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA). Durante a presentación do vídeo, á que tamén acudiu o presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, e representantes desta agrupación, Silvia Díaz explicou que a peza audiovisual “fai fincapé nos piares nos que se basea a defensa da orixe poiense de Colón, como son as evidencias históricas, a documentación existente, a linguaxe empregada polo navegante e a toponimia dos territorios americanos coincidente cos existentes na ría de Pontevedra”.

O vídeo, de catro minutos de duración, foi realizado por Fernando Portela, da empresa Imaco, e servirá para complementar a exposición permanente existente na Casa Museo. Ademais, tamén supón un activo importante desde o punto de vista promocional e turístico, ao contar con imaxes aéreas de lugares de interese como a Illa de Tambo ou o Mosteiro de San Xoán.

Con respecto ao Plan de Dinamización, os dirixentes municipais fan unha valoración moi positiva do resultado. Tal e como resaltaron Silvia Díaz e Julio Casás, as dependencias recibiron a preto de 1.000 persoas entre xuño e setembro, ben para visitar as instalacións ou para tomar parte nas diferentes actividades desenvoltas, entre as que figuraron visitas teatralizadas, charlas e obradoiros para crianzas. “

Através deste plan avanzouse en cuestións como xerar un coñecemento activo na poboación local e promocionar a Casa Museo, ademais de afondar na investigación da figura de Colón ou dar a coñecer os fitos e acontecementos vencellados á historia de Poio e á cultura mariñeira tradicional galega.

Pola súa banda, Julio Casás tamén explicou que “a Casa Museo de Colón é un activo vital para o Concello de Poio. Estamos moi satisfeitos de que todas as actividades realizadas servisen para fomentar as visitas e difundir a teoría da orixe poiense do navegante”.

Ademais, ambos tamén coincidiron á hora de agradecer e destacar a implicación, o esforzo e o traballo que realiza a Asociación Galicia Histórica neste eido, así como na organización de excursións e visitas guiadas.

Por último, Silvia Díaz e Julio Casás confirmaron que as instalacións permanecerán pechadas nos vindeiros meses, a fin de desenvolver diferentes obras de mantemento.