A escritora galego-brasileira Nélida Piñón estará mañán luns na Casa de Cultura que leva o seu nome na parroquia de Borela, en Cerdedo-Cotobade, para presentar o III Premio de Relato Breve “Nélida Piñón”. Neste acto a literata de recoñecemento mundial estará acompañada polo alcalde Jorge Cubela, e o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lourenzo.

Este premio literario está organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, o Concello e a Deputación e con el preténdense render unha homenaxe a unha das figuras de máis relevancia no actual panorama internacional das letras.

Nélida Piñón, que sempre reivindicou os seu vencellos con Borela e co concello de Cerdedo-Cotobade, de onde eran oriundos os seus pais, atesoura entre os moitos recoñecementos internacionais á súa traxectoria literaria ser a primeira muller que chegou a ser presidenta da Academia Brasileira de Letras, en 1996. No ano 2005 foi galardoada co prestixioso Premio Príncipe de Asturias das Letras.