A comunidade educativa do CPI Santa Lucía de Moraña exerceu este venres de anfitrioa da presentación da película “A orixe da nosa lingua guapa”. Con esta curtametraxe de ficción, a Real Academia Galega inaugura un novo espazo para o público máis novo no marco de Primavera das Letras, o proxecto web da institución para nenos de Infantil e Primaria que puxo en marcha en 2016.

A cinta baséase nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, que asina o guión coa profesora de galego Fátima R. Ruibal. A docente do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) é ademais a mestra-meiga que protagoniza esta película canda as verdadeiras estrelas da produción: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía que se converteron en actores e actrices para a ocasión. Todo o equipo, baixo a batuta de Damián Varela na dirección, traballou arreo durante a pasada primavera nesta historia na que realidade e fantasía se entretecen para explicarlle ao público novo como se foi formando ao longo dos séculos o galego.

A rodaxe tivo lugar no propio centro educativo e na Casa do Pardiñeiro, tamén en Moraña, e executouse co apoio económico da Deputación da Coruña, patrocinadora de Primavera das Letras.

O equipo volveu xuntarse onte no CPI Santa Lucía nunha celebración na que o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes agradeceu o entusiasmo e a dedicación do profesorado e do alumnado, e a Fátima R. Ruibal. “Primavera das Letras naceu como unha ferramenta de apoio para os primeiros niveis educativos, pensando no alumnado e pensando nos mestres. Esta proposta de Fina Casalderrey, académica que coordina Primavera das Letras, é unha iniciativa máis nesta dirección, construída dende a linguaxe da imaxinación e a ficción para ilustrar as orixes do noso idioma dunha maneira diferente”, salientou o presidente.

A académica volveu con este proxecto ao colexio no que exerceu durante vinte e cinco anos, e contou para facelo realidade no papel da mestra-meiga con quen foi unha dos centos de alumnos aos que lles aprendeu a orixe do galego coa mesma metáfora na que se basea o guión. Pero o reencontro con Fátima R. Ruibal non foi o único. “Para min foi especialmente emotivo dar con varias mestras ás que, noutrora, eu lles dera clase, con nenas e nenos fillos, e ata netos, de antigos alumnos meus que escoitaran na miña voz unha explicación semellante á hora de lles falar da formación do galego”, confesa. “Hoxe sigo a pensar que non podemos amar o que descoñecemos, aínda que soe tópico. Queriamos sementar entusiasmo pola lingua, animar os nenos e nenas a empregala porque, como di a mestra-meiga no filme, unha lingua viva continúa sempre”, conclúe.

Fátima R. Ruibal valora a experiencia como “un agasallo para aprender”, porque “todo o que unha aprenda como profesora, dun xeito ou doutro, ha de repercutir no noso alumnado, enriquece a educación”. A nivel profesional, agarda ademais que a curtametraxe sexa un material didáctico útil para explicar unha parte da historia do galego. “Con esa vontade naceu a idea na cabeciña de Fina e con esa ilusión soñamos o proxecto todos”, lembra.

A experiencia foi tamén “un xogo cheo de fermosas emocións”, engade Damián Varela. “Dende unha perspectiva profesional, este proxecto foi a maior sorpresa que tiven en moito tempo”, asegura o director, que impartiu previamente ao alumnado obradoiros para que adquirise unhas nocións mínimas de como funciona a creación dunha película e puidese gozar da experiencia dende a disciplina que esixe unha rodaxe cinematográfica. “Espero que deste estupendo cole saian futuros cineastas”, comparte.

María Fernández Ferro, directora do colexio, ten claro o impacto positivo desta vivencia. “Para nós foi unha honra que Fina Casalderrey e a RAG escollesen Moraña. A experiencia enriquecerá a evolución emocional do noso alumnado e redundará no seu futuro como persoas abertas e creativas, algo que está na base do traballo que todos os días facemos con eles”, relaciona. “Estamos moi agradecidos e desexando que a curtametraxe colleite un grande éxito porque xa forma parte de nós, forma parte da identidade do CPI Santa Lucía de Moraña, co orgullo que supón para toda a nosa comunidade”, conclúe.