O goberno municipal deu a coñecer un informe elaborado polos departamentos de Tesourería e Intervención, no que se constata que a recarga do 25% no recibo de IBI en segundas vivendas baleiras, unha medida pola que o Concello de Poio apostou para fomentar o arrendamento e a poboación censada e que foi finalmente descartada pola modificación feita polo Estado na Lei de Vivenda, nunca se chegou a facer efectiva. Tal e como consta no documento, o recargo declarado ás vivendas, declarado nulo por unha sentenza do TSXG, “non foi aplicado en ningún suposto, polo que non procede a tramitación de devolución de ingresos”.

Este é un dos feitos nos que incide o equipo de Goberno, xa que, se ben inicialmente se impulsou esta medida, xunto a outras bonificacións, para consolidar uns impostos “xustos, progresivos e equitativos”, meses despois da súa aprobación finalmente optouse por descartar a suba, logo de que a nova Lei de Vivenda só permita aplicar este recargo a grandes propietarios; é dicir, aqueles que dispoñen de varios inmobles. Ademais, desde o primeiro momento os dirixentes municipais deixaron claro que este 25% só sería aplicable a aquelas vivendas que estivesen baleiras, polo que non afectarían a aquelas que estivesen alugadas ou con habitantes censados no concello.