O último trimestre do ano encárase no Concello de Moraña con proxectos que supoñen unha inversión superior aos 343.000 euros. O alcalde, José Cela, deu conta onte das últimas obras que foron adxudicadas e que comezarán a súa execución proximamente.

Un deses proxectos é a creación dunha pista de pádel, que se ubicará nunha parcela que se atopa na parte posterior do campo de fútbol. Tal e como explica o alcalde, “o terreo ten unha pequena caída e atópase a un nivel superior, polo que é necesario crear un pequeno muro de contención para instalar esta pista”. Estímase que a obra, que comezará para a semana, terá dous meses de duración e suporá unha inversión de 47.855,50 euros.

Por outro lado, están a punto de comezar varios asfaltados en tres camiños ubicados en Rebón, Souto e Pontellas, que xa vén de ser adxudicado cunha inversión de 89.126, 34 euros.

Ademais, proximamente comezarán as obras de pavimentación de varios camiños no núcleo rural de Ruibal, despois de que se instalase todo o novo alcantarillado. En total, entre ambas actuacións, investíronse 82.037,25 euros. No que respecta ao saneamento, renovarase a estación de bombeo en Alberguería e Sabadín. O proxecto adxudicouse por 34.683,10 euros.

Finalmente, a humanización da Rúa 6, que ía comezar hai unhas semanas, pospúxose polas chuvias que houbo pero agora xa se recalendarizou, para iniciarse en 20 días, aproximadamente. Será unha inversión de 169.438,28 euros.