O Concello de Vilaboa rematou hai uns días o acondicionamento do sendeiro dos muiños de Riomaior, homologado pola Federación Galega de Montañismo e un dos principais atractivos turísticos de Vilaboa. Denuncia que “a Xunta rexeitou a subvención solicitada pola administración local para a limpeza da contorna e a renovación da sinalización” polo que o alcalde, César Poza, decidiu acometer a actuación con fondos propios.

Os traballos executados no roteiro dos Muíños de Riomaior comezaron cunha roza manual do sendeiro e a instalación de 25 postes de sinalización realizados en madeira tratada e fincados no terreo.

Tamén se repararon catro pasarelas de madeira danadas, así como varandas e outros elementos deteriorados; pintouse a varanda metálica; sustituíronse as táboas de madeira no taboleiro da pasarela existente; arranxouse o panel informativo existente sustituíndoo por un de vinilo; e sustituíronse varios chanzos nas escaleiras de madeira.

A actuación concluíu co deseño, produción e instalación dun panel divulgativo para sustituir o existente de madeira de piñeiro tratado en autoclave, de 110 centímetros, sobre postes de madeira fincados no terreo.