A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou onte en Moraña, na celebración do 30 aniversario da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, o compromiso da Xunta coas mulleres rurais de Galicia, destacando que o fomento do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades. López Abella, quen agradeceu as tres décadas de traballo asociativo á entidade O Menhir, indicou que a Xunta seguirá fortalecendo os apoios ás organizacións de mulleres, ao tempo que fomentará novas formas de asociacionismo para as mulleres do agro e do mar. A secretaria xeral da Igualdade destacou o pulo adquirido polo asociacionismo feminino do rural nas últimas décadas, aínda que indicou que é preciso seguir incidindo na participación das mulleres en órganos directivos e nos espazos de decisión das organizacións agrarias e pesqueiras (confrarías, xuntas de cooperativas, comunidades veciñais ou órganos reguladores de denominación de orixe).