O Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda, celebran o mércores día 17 o Día de Galiza Mártir, que “serve para lembrar a figura dun dos máximos referentes do galeguismo, como foi o noso veciño Alexandre Bóveda, así como a todos e todas as mártires que foron vítimas do réxime e da represión franquista”, según dixo o alcalde, Luciano Sobral.

Logo de dous anos marcados polas restricións, a celebración recupera toda a súa esencia. Como xa é habitual, a cita será ás 13.00 horas no monumento que lembra a figura de Bóveda na Caeira, no lugar no que foi fusilado o 17 de agosto de 1936.

“Cúmprense 86 anos desta fatídica data, pero a figura de Alexandre segue máis viva ca nunca”, sinalou a concelleira de Memoria Histórica Marga Caldas, que explicou que neste 2022 recupérase a entrega do Premio Galiza Mártir, logo da súa suspensión en edicións previas por mor da pandemia. O galardón, que comezou a entregarse no ano 2006, é este ano para os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro “Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio”. Editado no ano 2017 por Galiza Sempre, a obra dos escritores sadenses fai un repaso á historia deste inmoble.