Desde onte xa se pode visitar a exposición “O mar, fonte de vida”, unha mostra formada por diferentes pezas, obxectos e obras elaboradas de xeito artesanal polo veciño de Combarro Vicente Pérez, e que, tal e como indica o nome da exposición, están directamente vencelladas co mundo do mar. A colección permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 21 de agosto na Escola do Campo. Trátase dunha iniciativa que está organizada polo Ateneo Corredoira e que se enmarca dentro da programación da súa Semana Cultural, que, precisamente, neste 2022 vive unha edición moi especial, ao cumprir 40 anos de existencia.

A mostra poderase visitar no horario de atención ao público da Oficina de Turismo: de martes a sábado, de 9.50 a 13.30, e os domingos de 11.20 a 13.30 horas. A concelleira Silvia Díaz anima á cidadanía a visitar esta exposición e a tomar parte activa na Semana Cultural, que destaca pola súa variedade e amplitude en canto a número de actividades ofertadas, entre as que non faltan animación na rúa, obradoiros de debuxo e percusión, espectáculos de maxia ou actuacións musicais, entre moitas outras.