A Xunta traballa na posta en valor do uso da madeira para a mitigación acústica mediante o convenio asinado pola Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural en colaboración coa Universidade de Vigo. A comisión de seguimento deste convenio plurianual reuniuse baixo a participación do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e a directora de Innovación da Axencia, Montserrat Rodríguez.

A Axencia e a Universidade estableceron en decembro o marco de colaboración para levar a cabo unha investigación enfocada ó estudo das alternativas para o emprego de madeira nos elementos dedicados a illamento acústico en infraestruturas de transporte.