O campus de Pontevedra e toda va Universidade de Vigo pecha desde hoxe e ata o día 19 todos os seus centros, dependencias e instalacións. A medida, implantada desde o ano 2019 en Semana Santa e verán, procura avanzar no compromiso da institución académica e do seu persoal coa sustentabilidade e o cambio climático. Deste xeito, e co obxectivo de optimizar recursos para acadar un aforro enerxético e económico, procederase a pechar os centros, dependencia e instalacións dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Con todo, cando resulte necesario e indispensable o acceso do persoal a centros, instalacións e dependencias da Universidade de Vigo durante o período de peche, poderá realizar contando coa pertinente autorización do responsable correspondente. O persoal que conte con tarxeta de acceso debidamente autorizada, utilizará este mecanismo, mentres que as persoas que non dispoñan da tarxeta de acceso, deberán chamar ao Centro de Control do servizo de vixilancia (teléfono: 618873387) informando do centro, instalación ou dependencia ao que se precisa acceder. Ao edificio acudirá un vixiante do servizo quen, logo da identificación e comprobación oportunas, habilitará a entrada. Así mesmo deberá comunicarse a saída ao Centro de Control do servizo de vixilancia.