A artista angolana de kuduro, rap e pop Pongo, suspendeu a súa xira europea, polo que non poderá estar no ciclo “Con voz de muller” da programación festiva na praza da Ferraría. Co fin de manter o inicio desta serie de actuacións o mesmo sábado 6, será a cantante de cabo Verde Lucibela a que actúe no seu lugar. O ciclo afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Lucibela, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras entre o 6 e o 10 de agosto.