Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os nomes e topónimos na literatura serán o eixe da VII Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega, a Deputación e o Museo colaboran no encontro | Celebrarase o vindeiro 15 de outubro no Edificio Castelao e contará con investigadores e escritores

Xosé Manuel Rey, Ana Boullón, Víctor F. Freixanes e María Ortega. | // FDV

Estudar a función e a significación dos nomes propios na literatura. É o obxectivo da onomástica literaria, lembra a numeraria da Real Academia Galega (RAG) Ana Boullón, coordinadora con Luz Méndez da Xornada de Onomástica Galega, que volverá o vindeiro 15 de outubro ao Museo de Pontevedra para afondar na fecunda pegada dos nomes de persoa (como o Balbino de Neira Vilas ou a Maxina de Marcial Valladares) e topónimos (coma o Bastavales de Rosalía) nas nosas letras.

O Pazo Provincial foi escenario onte da presentación da que será a sétima Xornada de Onomástica Galega que celebra a RAG en colaboración coa Deputación e co Museo. A deputada de Lingua, María Ortega, exerceu de anfitrioa do debut de “A onomástica literaria”, na que tamén participaron coa coordinadora do encontro o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey.

María Ortega agradeceu que a RAG conte coa Deputación de Pontevedra nesta iniciativa e avanzou que este programa de colaboración coa Academia verase potencicado no futuro. Tamén o director do Museo expresou a súa satisfacción porque a institución cultural sexa, un ano máis, escenario do encontro.

Pola súa banda, Víctor Freixanes incidiu en que as xornadas buscan contribuir a “reflexionar sobre a identidade do país a través da lingua, e neste caso a través dos nomes propios”.

O presidente da RAG referiuse á estrea da “Guía de nomes galegos” en liña, una achega “moi importante da RAG á onomástica galega”, lembrou, á que se sumará próximamente unha guía de apelidos

decoration

O presidente da RAG tamén se referiu á estrea da “Guía de nomes galegos” en liña, una achega “moi importante da RAG á onomástica galega”, lembrou, á que se sumará próximamente unha guía de apelidos.

Ana Boullón resaltou que a onomástica literaria “é un campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado. Propoñemos este ano centrarnos nesta cuestión, para examinar o seu uso en determinado autores e para explorar novos camiños de pescuda”.

A xornada principiará ese sábado 15 de outubro ás 10.30 horas con catro intervencións de investigadores que se teñen debruzado neste eido dende diversas perspectivas. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre a toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse na seguinte ponencia Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Ana Boullón, coordinadora da xornada, resaltou que a onomástica literaria “é un campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado"

decoration

Na sesión de tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda. Conducirá o encontro a académica Marilar Aleixandre e os autores explicarán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras.

“A onomástica literaria é algo que ten moita tradición”, explicou Ana Boullón, “os escritores non escollen os nomes ao azar e van explica as razóns” polas que elixen.

O escritor e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo pechará esta VII Xornada de Onomástica Galega cun acto poético baseado no seu “Cántico dos topónimos esdrúxulos”. A coordinadora da xornada avanzou que será un espectáculo caracterizado pola “sonoridade e o misterio que teñen os topónimos”.

Os interesados en inscribirse na xornada poden facelo antes do 12 de outubro remitindo un correo a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de contacto. Ao remate das xornadas recibirán un diploma de asistencia.

O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal, unha alternativa implementada con motivo da pandemia “e que vai quedar para a xente que non poda desprazarse” ata Pontevedra, indicou Ana Boullón.

Ponencias da anterior edición


A presentación da Xornada de Onomástica serviu asemade para o debut da publicación que recolle as contribucións da edición precedente. Titulada “Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica no Camiño de Santiago”, reúne traballos de expertos coma o historiador da Galicia medieval Anselmo López Carreira, o filólogo José María Anguita, o académico Gonzalo Navaza ou a especialista en historia de América Pilar Cagiao.

Tamén conta con experiencias didácticas e remata coas intervencións e o debate sobre os nomes de lugares no Camiño que pechou o encontro.


Compartir el artículo

stats