A Escola de Letras impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, dá un salto definitivo cara a súa proxección estatal e internacional coa confirmación do aval do Ministerio de Cultura para a súa presenza na Feira do Libro de Frankfurt , a máis importante do mundo, que se celebrará no próximo mes de outubro e estará dedicada a España.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Galaxia, Francisco Castro, mostraron a súa satisfacción “por un soño cumprido”, tras o encontro en Madrid coa Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura, María José Gálvez, quen confirmou que a Escola de Letras será unha das protagonistas no Pavillón de España da que se ofrecerá información a todas as persoas visitantes e que, amais, será presentada ao sector e aos medios alemás.

No encontro, celebrado onte no Ministerio, tamén se avanzaron outras iniciativas para a proxección da Escola provincial como a elaboración dun proxecto, cara ao 2023, para levar tanto esta iniciativa como o “Manifesto de Soutomaior”, que reúne ás mulleres da escrita galega, aos Institutos Cervantes de Europa, así como a entidades e organismos de América Latina.